Fassbinder toma a pantalla da Filmoteca de Galicia en marzo nun mes marcado por 'Olladas de muller'

ACoruñaXa
A Sala José Sellier da Coruña abre o 17 de marzo un ciclo dedicado ao cineasta alemán que se estenderá ata maio e celebra unha nova edición da mostra arredor do 8-M, mentres pecha o especial Béla Tarr e programa sesións con presentacións e coloquios
A CORUÑA filmoteca mulleres
2 Mar 2026

A Filmoteca de Galicia arrinca marzo cunha carteleira ambiciosa na que conflúen grandes nomes do cinema europeo, creadoras contemporáneas e propostas pensadas para públicos diversos. O prato forte será o inicio dun ciclo dedicado a Rainer Werner Fassbinder, que comezará o 17 de marzo e se prolongará ata maio, e que permitirá revisitar en copias restauradas a obra dun dos autores centrais do Novo Cinema Alemán, falecido con só 37 anos tras deixar unha produción intensa e moi influente.

Este primeiro bloque, baixo o título Rainer Werner Fassbinder (I), inclúe El amor es más frío que la muerte (17 e 18 de marzo), Katzelmacher (20 e 24), El soldado americano (25 e 26) e El dios de la peste (31 de marzo e 1 de abril). As dúas primeiras sesións complétanse coas curtas El vagabundo e El pequeño caos, unha porta de entrada ás constantes creativas dun cineasta que fixo do desamor, as relacións de poder e a crítica social unha marca de autor.

O mes traerá tamén unha nova edición de 'Olladas de muller', organizada en colaboración co Consello da Cultura Galega e vinculada nesta ocasión á exposición Emigrantas. Emerxer do silencio. Haberá programas de curtas do ciclo Emigrantas (10, 11 e 13 de marzo) e proxeccións como A cicatriz branca, de Margarita Ledo (12), e As estacións, de Maureen Fazendeiro (13 e 14), con pases acompañados por presentacións e encontros co público. Dentro da selección anual arredor do 8 de marzo inclúense, ademais, Antes de nós (10), presentada por Ángeles Huerta, e Grelei raíces no teu lar (12), coa presenza de Adriana Páramo.

Marzo será igualmente un mes de sesións especiais con coloquio. Luz no escuro: María Luisa Bemberg e Eva Landek en compañía ofrecerá dúas citas (4 e 5) presentadas pola crítica e programadora arxentina Lucía Salas, propoñendo un diálogo entre as primeiras pezas destas cineastas e outras obras da época. Tamén haberá espazo para a memoria escénica galega con O cine e o teatro en Galicia: a presenza de Tespis (unha aproximación), os días 24 e 25, con Paco Oti e convidados como Eduardo Alonso e José Antonio Jiménez. A sección Desencadres dedicará dúas sesións a Elena Duque (27 e 28), cun formato que mestura reflexión, proxección e unha performance final, con coloquio moderado por Ángel Rueda.

A programación completa o peche do especial sobre Béla Tarr e László Krasznahorkai con El hombre de Londres (3 de marzo) e coa proxección de Sátántangó repartida en tres sesións (6 e 7), nunha proposta que convida a mergullarse nun cinema de longos planos secuencia e atmosfera densa, xa convertida en filme de culto.

A maiores, Fóra de serie artella un xogo de espellos entre clásicos e cinema contemporáneo a partir das dúas últimas películas de Richard Linklater, conectando Al final de la escapada (3 e 4) con Nouvelle Vague (17 e 18), Breathless de James Benning (5), Blue Moon (26 e 31) e Casablanca (1 de abril). Materiais para unha historia do cine en Galicia recupera Porriño en Buenos Aires, de Eligio González (11), Off Galicia proxecta O camiño de Cova Eirós, de Xosé González Varela (20), e Filmoteca Júnior reserva para o público familiar Ernest & Celestine, cuentos de primavera (21).

0.13295197486877