Familias e profesorado do CEIP Ría do Burgo esixen máis recursos para o alumnado con necesidades especiais

O Concello de Culleredo sumouse esta mañá á concentración da comunidade educativa do CEIP Ría do Burgo para reclamar á Xunta de Galicia un reforzo urxente de profesorado, especialmente en Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe. As concelleiras Cristina Pardo (Educación) e Penélope López (Cultura) secundaron a protesta ao considerar as reivindicacións 'xustas e urxentes' e denunciar a 'pasividade' da Consellería.
Decenas de persoas, entre familias, alumnado e persoal docente, protestaron diante do centro con pancartas nas que se podía ler 'Stop recortes en atención á diversidade PT-AL', 'Para unha inclusión real precísase apoio xa' ou 'Non son un gasto, son o futuro'. O goberno local comparte a preocupación polo déficit de recursos humanos que, segundo apuntan, impide unha atención axeitada ao alumnado con necesidades específicas. 'A Xunta ten que escoitar as familias e adoptar medidas inmediatas para garantir unha educación inclusiva', subliñou Pardo.
No CEIP Ría do Burgo estudan 364 alumnos e alumnas. O 10% presenta necesidades educativas especiais e, sumando o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, un terzo require atención diferenciada. Entre eles figuran 23 estudantes con diagnóstico de Trastorno do Espectro Autista. O centro comezou o curso cunha mestra menos de Pedagoxía Terapéutica, o que deixa 8 menores sen apoio específico e reduce a unha hora semanal a intervención noutro grupo. A falta de profesorado de Audición e Linguaxe dificulta, ademais, a resposta ás necesidades comunicativas e lingüísticas.
A comunidade educativa reclama tamén unha mestra máis de Infantil (a dirección e a xefatura de estudos compatibilizan funcións lectivas), dous apoios en Primaria nos cursos con ratios por riba de 50 alumnos e tres docentes de apoio para cubrir horas de disposición. O departamento de Orientación, sinalan, está saturado e non pode ofrecer as intervencións necesarias.
O Concello denuncia igualmente a 'nula inversión' da Xunta nos colexios do municipio e a ausencia de resposta ás reiteradas peticións de reunión. Considera unha 'grave falta de respecto institucional' non fixar unha data e pide 'deixar atrás os partidismos' para abordar as necesidades.
A problemática esténdese a outros centros. No CEIP Tarrío, informan de redución de horas en Infantil por mor de tarefas directivas e dunha saturación nas aulas de 4.º de Primaria. A ANPA solicitou a creación dunha nova liña, aínda sen aceptar pola Xunta.