Falece Julio Sacristán, histórico alcalde de Culleredo durante máis de tres décadas

Julio Sacristán, quen foi alcalde de Culleredo entre 1983 e 2017, faleceu nas últimas horas, segundo confirmaron a Agrupación Provincial da Coruña do PSdeG-PSOE e o propio Concello de Culleredo. O seu pasamento deixa un fondo pesar no ámbito político e social galego, especialmente no eido municipalista, onde exerceu un papel clave na modernización do concello e na súa consolidación como parte estratéxica da área metropolitana da Coruña.
Desde o PSdeG destacaron a súa figura como "imprescindible do socialismo galego" e subliñaron a súa dedicación ao servizo público, definíndoo como un "referente do socialismo local" e unha persoa que loitou "incansablemente por cuestións fundamentais para o desenvolvemento da área coruñesa".
A Agrupación Provincial lembra que baixo o seu mandato dotouse a Culleredo dunha estrutura administrativa sólida e dunha rede de equipamentos en todas as parroquias. Nunha das súas últimas entrevistas, o propio Sacristán facía fincapé na importancia de atender necesidades básicas: "ás veces non se lle da valor", afirmaba ao referirse á súa prioridade por levar o saneamento e abastecemento a case o 90 % da poboación.
Entre 2014 e 2017, tamén foi secretario provincial do PSdeG na Coruña, etapa na que reafirmou o seu compromiso político cos valores socialistas e coa militancia.
"Julio Sacristán foi un compañeiro exemplar e un socialista comprometido que dedicou a súa vida ao servizo público e ao benestar dos veciños de Culleredo. O seu legado perdurará como testemuño do que significa o verdadeiro compromiso socialista", destacou Bernardo Fernández Piñeiro, actual secretario provincial.
O Concello de Culleredo tamén quixo render homenaxe ao seu exalcalde decretando loito oficial. As bandeiras da Casa do Concello ondean a media hasta como sinal de respecto. "O seu legado permanecerá sempre na historia de Culleredo", recolle o comunicado institucional.
A Agrupación Provincial do PSdeG trasladou as súas condolencias á familia, amizades e veciñanza, e concluíu que a memoria e o exemplo de Sacristán seguirán a inspirar ás futuras xeracións de socialistas galegos.
Desde o Partido Popular de Culleredo trasladaron o seu "máis fondo pesar polo falecemento" e trasladar as súas "máis sinceras condolencias á súa familia e amizades". Destacan de Sacristán que dedicou a súa vida a Culleredo e exerceu sempre a súa vocación de servizo público con compromiso e proximidade.