Falamos con CUAC FM: 500 programas e cero silencios

ACoruñaXa
Trinta anos dándolle ao dial a través da veciñanza
CUAC 1
Mariano Fernández e Beatriz González
19 Oct 2025

CUAC FM, a radio comunitaria da Coruña (103.4 FM), afronta a súa 30.ª tempada e acada un fito: 500 programas impulsados desde 1996. A emisora celébrao cunha programación especial e actos abertos para conmemorar tres décadas de comunicación libre e aprendizaxe colectiva. Con motivo do seu aniversario, falamos con dúas voces históricas de CUAC: Mariano Fernández, cofundador da emisora e secretario-coordinador de Lexislación da Rede de Medios Comunitarios; e Beatriz González, socia veterana e exvicepresidenta da asociación.

Como naceu CUAC FM e cal era a idea inicial cando se puxeron as primeiras emisións en 1996?
Mariano: Na UDC existía naquela época un Club de Prensa, dependente do Vicerreitorado de Extensión Universitaria, no que participabamos as persoas que fundamos a emisora. Propuxémoslle á institución a creación dunha radio universitaria e, ante a súa negativa, creamos unha radio asociativa. A idea era ter un medio de comunicación propio para dar saída ás necesidades de comunicación da xente nova da cidade. Obviamente, a cousa foisenos das mans.

Houbo algún momento ou persoa decisiva que marcara o arranque?
[M] O momento decisivo posiblemente foi a cesión do primeiro espazo físico que tivemos para montar o estudo de emisión. Houbo unha reunión na Facultade de Ciencias Económicas na que todas as asociacións estudantís pediron unanimemente ao Decanato a cesión dun despacho que estaba desocupado. O decano deu luz verde e así comezamos.

Cales foron os primeiros desafíos técnicos e institucionais que tivo que superar a emisora?
[M] Apenas tiñamos recursos e os inicios foron bastante precarios no que respecta á emisión. Tanto é así, que o noso primeiro slogan, acuñado polo noso compañeiro Chapu, era “cutres pero xenerosos”. Facíamos da necesidade virtude, e a ilusión suplía o resto. En canto aos desafíos institucionais, o principal segue sen estar superado a día de hoxe, xa que emitimos sen ter unha licenza definitiva para iso, e non só CUAC, senón todas as radios comunitarias. É unha anomalía democrática grave que non nos deixa en bo lugar como país. Sen ir máis lonxe, en Francia a radio comunitaria ten licenzas desde 1982 e é un axente importantísimo na comunidade local.

Houbo algún evento que cambiase por completo o rumbo da emisora?
[M] Moitos. Pasamos por dous peches, dúas aperturas e dous xuízos para defender o dereito constitucional a comunicar; tecnoloxicamente pasamos do prato xiradiscos ao streaming de vídeo; fomos emisora pioneira no podcasting; cambiamos as metodoloxías, as rutinas… CUAC é un organismo vivo que está en constante evolución. Se pestaneas, pírdela, como as saídas de Fórmula 1.

Como diríades que evolucionou CUAC desde os inicios até hoxe?
[M] A mudanza é abismal. Desde a autoconcepción do propio medio até a tecnoloxía, pasando pola formación e as metodoloxías de traballo. Parecémonos moi pouquiño ao que eramos en 1996.

Beatriz: O que si segue igual é a ilusión e a paixón por facer radio.

Hai pouco chegastes aos 500 programas: cal diríades que é o segredo para a lonxevidade de CUAC?
[M] Ben, iso habería que preguntárllelo a cada persoa seguramente, pero eu creo que a motivación principal é que nos diverte e nos resulta gratificante facer algo.

[B] Comunicar aquilo que che resulta interesante ou entretido e saber escoitar é moi satisfactorio. Pero facelo nunha emisora como CUAC achega un plus, porque te sentes parte dunha comunidade. Todas as persoas asociadas somos copropietarias da radio, decidimos conxuntamente o seu futuro, non deixamos de innovar e de aprender, e de ver como CUAC evoluciona grazas a ese traballo colectivo. É un subidón difícil de explicar. É algo que hai que vivir.

Que anécdotas representan o espírito da emisora (unha emisión memorable, unha crise superada, un apoio veciñal especial…)?
[M] CUAC é tremendamente diversa: formamos parte dela persoas de toda condición, pero ao mesmo tempo formamos unha gran familia. Non só as que están en activo en cada momento, senón as que fixeron programa no pasado, as contornas familiares de cadaquén e tamén a nosa audiencia. Isto demostrouse claramente en 2017, cando sufrimos o peche e o posterior proceso xudicial. O apoio foi abrumador e nunca estaremos abondo agradecidos por todo ese respaldo. Gústanos pensar que ese apoio se debe a que facemos as cousas tal e como debe facelas unha radio comunitaria: incluíndo as persoas, dándolles voz e estando ao seu carón. CUAC FM é unha radio da xente, e se a xente se apropia da radio e a considera como súa, deféndea. Para CUAC, iso signifícao todo.

Ao longo da vosa traxectoria contastes con programas con ou para nenos. Como credes que se senten ao crear un programa?
[M] Desde o noso punto de vista, o importante é que para eles sexa unha aprendizaxe e que entendan como funciona un medio de comunicación. Consideramos que a alfabetización mediática é clave para entender o que pasa nas sociedades da información, e a radio comunitaria pode ser unha ferramenta importantísima neses procesos. Se o noso traballo serve para que un só menor entenda a responsabilidade de comunicar publicamente a través de calquera medio —sexan radio, tele, redes sociais ou plataformas de vídeo baixo demanda—, xa terá pagado a pena.

Tedes estratexias formativas para novas voces (obradoiros, titorías, prácticas)?
[M] Si, claro. Toda persoa que entra en CUAC FM é formada para ser autosuficiente e poder desenvolver os seus contidos da mellor maneira posible. A nosa escola de radio ensina non só a comunicar, senón tamén a consumir comunicación e a desenvolver o pensamento crítico.

[B] Tamén facemos obradoiros de radio fóra da emisora, moitas veces a petición doutras entidades. Impartimos formacións en colexios, na UDC, en ASPACE, no centro penitenciario de Monterroso, etc.

Como se forman os equipos para un novo programa? 
[M] Hai que ter en conta que CUAC FM se fai desde o voluntariado, o que fai difícil que sexamos unha emisora proactiva na procura de programas. Pero, por outra banda, a nosa programación está permanentemente aberta. Calquera persoa que queira facer radio envíanos un correo electrónico e, a partir de aí, comeza o proceso de formación, que se intenta que sexa o máis rápido posible. Despois de tres sesións de formación e de asistir a un par de programas, xa podes voar pola túa conta. Para facer cousas máis complicadas hai módulos de formación específicos.
E no que respecta aos equipos, a maioría das veces xa nos chegan feitos, pero outras veces as persoas coñécense na formación e outras incorpóranse a programas preexistentes… A casuística é moi diversa e CUAC é moi flexible.

De que programas ou seccións estades especialmente orgullos@s de ter impulsado e por que?
[M] Tivemos e temos programas con bastante éxito a nivel de audiencia, pero persoalmente quedo cos programas que fixemos durante a pandemia. Foi un esforzo moi importante, tanto técnico como humano, pero creo que cubrimos necesidades que precisaban ser atendidas e que nos amosamos útiles para a nosa comunidade, que é do que se trata.

CUAC defínese como radio comunitaria: que significa isto no voso día a día?
[M] Temos o firme compromiso de garantir o acceso á comunicación mediada á nosa comunidade de referencia, garantir o acceso á comunicación mediada á nosa comunidade de referencia, garantir a liberdade de expresión a través do noso medio e facelo sen ánimo de lucro. Iso é facer radio comunitaria e é o que practicamos cada día. Non é doado, pero é o que escollemos facer.

Como foi a relación co campus universitario, o concello e outras institucións locais ao longo das décadas?
[M] As institucións fórmanas persoas, non entes abstractos. Procuramos levarnos ben coas persoas, o que, por regra xeral, fai que intentemos levarnos ben coas institucións. Iso si, as relacións institucionais xamais condicionan os nosos contidos. Dicía antes que fomentamos o pensamento crítico, e iso pode causar que, en ocasións, poidamos ser unha radio incómoda para alguén.
A día de hoxe creo que non temos ningunha queixa, mantemos unha relación fluída e de colaboración coas institucións locais e sentímonos valorados e respaldados por elas.

Como cambiou a tecnoloxía en CUAC (do analóxico ao dixital, streaming, podcasting)?
[M] Cando comezamos a emitir, o último berro era o compact disc e os teléfonos móbiles semellaban e pesaban coma un tixolo. A día de hoxe emitimos un informativo creado e locutado por intelixencia artificial. Un pouquiño si que mudou a cousa.

Cal é o modelo de financiamento actual (socias/os, subvencións, publicidade, doazóns, colaboracións) e como o equilibrades para manter a independencia editorial?
[M] Procuramos diversificalo o máximo posible. Partimos da premisa de que os gastos correntes poidan ser cubertos polos recursos propios.

[B] Basicamente, estes recursos son as cotas e as actividades remuneradas.

[M] As subvencións adoitan destinarse a investir en material ou para desenvolver actividades extraordinarias. Hai que considerar que somos un proxecto bastante austero, para facer o que facemos. Editorialmente somos tan independentes que a liña que se decidía seguir na asemblea non era vinculante para os programas. A discrepancia ben xestionada é unha fonte enorme de riqueza para calquera colectivo.

Dentro de 10 anos, que transformación queredes ver en CUAC (infraestruturas, programas, rede territorial, escola de radio, etc.)?
[M] Gustaríanos que se cumprisen as reivindicacións históricas dos medios comunitarios: seguridade xurídica e financiamento estábel. Diso han vir melloras importantes para todo o demais.

Tedes plans concretos para celebrar o 30 aniversario?
[M] Moitos e moi emocionantes. Iremos desvelándoos aos poucos, pero temos gardada máis dunha sorpresa para os vindeiros meses, que serán moi vertixinosos.

Que mensaxe queredes deixar ás persoas que fixeron, fan e farán CUAC FM?
[M/B] Que os dereitos se defenden exercéndoos e que, en concreto, o dereito a comunicar é moi importante para mellorar a vida das persoas.

Trinta anos despois daquela antena nun despacho de Económicas, CUAC FM segue en pé polo que a sostén: xente que comunica para a súa comunidade.

⚙ Configurar cookies
0.072608947753906