Explican a escolares de Ordes como os impostos sosteñen os servizos públicos esenciais

O conselleiro de Facenda e Administración Pública e presidente da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga), Miguel Corgos, impartiu hoxe unha charla de educación cívico-tributaria ao alumnado do CEIP Campomaior de Ordes, orientada a explicar a relevancia do pago de impostos para o mantemento dos servizos públicos. Na sesión, á que tamén asistiu a directora da Atriga, Sonia Lafont, abordáronse temas como o impacto positivo da responsabilidade fiscal e a necesidade de evitar a fraude.
O propósito desta actividade é transmitir desde idades temperás valores que promovan a responsabilidade fiscal e fomentar unha conciencia fiscal colectiva. Corgos explicou de xeito accesible aos estudantes a función dos impostos, os diferentes tipos existentes e as consecuencias da fraude fiscal, destacando a súa importancia para soste-lo benestar social e os servizos de calidade.
Durante a charla, proxectouse un vídeo didáctico que expón en que consisten os impostos, a súa finalidade, os tipos de tributos e as consecuencias da evasión fiscal. Ao finalizar a proxección, realizouse un cuestionario interactivo para avaliar o grao de comprensión dos estudantes.
Os centros educativos interesados en participar neste programa de formación tributaria dispoñen dun espazo específico na páxina web da Atriga, onde poden atopar máis recursos didácticos e solicitar a súa incorporación. Ademais, o vídeo proxectado está dispoñible para consulta en liña. A ligazón para información e participación atópase dispoñible na web da Atriga.