Éxito rotundo da 27ª edición do Viñetas desde o Atlántico con aumento de vendas e nova programación

ACoruñaXa
A Coruña acolleu un festival de banda deseñada renovado e de gran afluencia, que continuará coas súas actividades durante o resto do mes
Imaxe dende Viñetas desde Atlántico
20 Ago 2024

O pasado domingo 18 de agosto concluíu con gran éxito a 27ª edición de Viñetas desde o Atlántico, o Salón Internacional do Cómic da cidade. Durante a semana do 12 ao 18 de agosto, o festival atraiu a miles de visitantes, con 18 exposicións, máis de 100 sesións de sinaturas e a participación de máis de 40 autores galegos. A renovada Rúa da BD destacou pola súa afluencia e polas filas de fans que asistiron ás firmas de destacados autores como Artur Laperla e Emma Ríos.

As exposicións monográficas dedicadas a autores como Genie Espinosa e Marcello Quintanilha estarán abertas ata o 30 de setembro. O festival continuará en setembro coas actividades de Viñetas Inclusivas e novos eventos no Kiosco Alfonso ata xaneiro de 2025.

O director do festival, Manel Cráneo, subliñou o éxito desta edición, destacando o aumento das vendas e a boa recepción do novo formato e das actividades paralelas, como Viñetas Ñam! e Viñetas Mini. A alcaldesa, Inés Rey, celebrou a "renovación integral" do evento e a súa capacidade para atraer novos públicos e integrar diferentes sectores creativos.

A nova estrutura do festival, con seccións especializadas como Viñetas Show e Viñetas Pro, así como a publicación de Viñetas BD, amosan o compromiso de Viñetas desde o Atlántico co mundo da banda deseñada e a súa evolución contínua. A figura de Gaspariño, de Xaquín Marín, e a presenza de Fermin Muguruza co seu filme Black is Beltza II: Ainhoa foron algúns dos momentos destacados da edición deste ano.

0.16949391365051