Éxito para o Club Halterofilia Cambre no Estatal Sub-17: Xiana Pérez proclámase campioa de España

ACoruñaXa
A deportista, Xiana Pérez Brion, foi ouro nacional en dous tempos e bateu cinco récords galegos
halterofilia-cambre
2 Jun 2025

O Club Halterofilia Cambre vén de regresar do Campionato de España Sub-17 con grandes resultados baixo o brazo. A cita, celebrada no Polideportivo Cerro Almodóvar de Madrid, contou coa participación de 170 atletas de todo o Estado —97 mulleres e 73 homes— que lograran previamente as marcas mínimas esixidas para competir.

A representación cambrense estivo composta por dous deportistas: Xiana Pérez Brión na categoría de -69 kg e Alberto Fandiño Ferreiro en -71 kg. Ambos competiron en tres modalidades: arrancada, dous tempos e total olímpico.

Xiana Pérez brillou con forza, proclamándose campioa de España na modalidade de dous tempos cunha marca de 86 kg. Ademais, obtivo a prata tanto en arrancada, con 72 kg (mellora de 5 kg respecto ao seu rexistro anterior en competición oficial), como no total olímpico, sumando 158 kg. A súa actuación permitiulle, ademais, bater cinco récords galegos: tres en arrancada, un en dous tempos e outro en total olímpico.

Pola súa parte, Alberto Fandiño acadou o 10º posto en arrancada (75 kg), o 13º en dous tempos (90 kg) e rematou 12º no total olímpico cunha marca de 165 kg.

O club valorou moi positivamente esta participación, destacando non só as medallas e marcas alcanzadas, senón tamén a experiencia acumulada por parte dos seus deportistas máis novos nunha das competicións estatais de maior nivel.

⚙ Configurar cookies
0.23874402046204