Estudantes do IES de Viós de Abegondo participan nun intercambio con Alemaña
Abegondo e Goslar, unha pequena rexión situada en Sajonia (Alemaña), estreitaron os seus lazos. Todo grazas a un intercambio educativo no que están a participar un total de 14 alumnos e alumnas: sete deles do IES de Viós e outros sete procedentes do Instituto de Secundaria de Goslar.
A experiencia iniciouse no mes de febreiro, cando os abegondeses viaxaron ata Alemaña. Agora, as súas compañeiras xermanas han tomado a substitución, e quedarán no municipio ata o próximo 10 de abril. O alcalde, José Antonio Santiso, recibiu, esta mañá, aos estudantes e aos profesores que están a tomar parte nesta experiencia.
Durante a súa intervención, o rexedor deulles a benvida a Abegondo, explicándolles a orixe do nome do municipio e revelándolles algúns datos sobre o mesmo. Así mesmo, aproveitou a ocasión para entregar aos mozos varios agasallos institucionais como, por exemplo, libros sobre o concello e sobre observación ornitolóxica.
Durante os vindeiros días, as alumnas alemás realizarán unha inmersión completa no municipio. Tanto é así, que vivirán coas familias de Abegondo. Ademais da recepción no Concello, a experiencia incluirá varias actividades e saídas. Entre as propostas, os mozos e mozas visitarán a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e realizarán unha camiñada pola zona.
Trátase do primeiro intercambio ERASMUS+ que realiza o IES de Viós. Con todo, lonxe de ser unha acción puntual, o centro de ensino presentou un novo proxecto para o curso 2024/2025.