Estudantes do CEIP Wenceslao Fernández Flórez convértense en concelleiros e concelleiras

ACoruñaXa
O Concello de Cambre acolleu así a celebración de dous plenos infantís
FOTO-CAMBRE--Pleno-infantil-2
12 Feb 2025

O alumnado de 5º e 6º de Primaria do CEIP Wenceslao Fernández Flórez tomou posesión como concelleiros e concelleiras da corporación municipal de Cambre. O Concello acolleu a celebración de dous plenos infantís nos que os estudantes tiveron a oportunidade de ocupar os postos dos partidos representados no pleno, así como os de interventora e secretaria municipal.

Durante a sesión, a alcaldesa, María Pan, deulles a benvida e explicoulles o funcionamento da administración local en xeral e deste órgano colexiado en particular.

Os novos edís aproveitaron a ocasión para trasladarlle á rexedora as súas preguntas e inquietudes. Entre elas, os pequenos e pequenas quixeron saber se a Pan Lesta lle gustaba exercer o cargo de alcaldesa de Cambre. Ademais, expuxeron as súas peticións e demandas, entre as que destacaron a execución de beirarrúas na zona do Apeadoiro de Cecebre, a mellora da área infantil do Parque da Igrexa e tamén a mellora dalgúns campos de fútbol.

A alcaldesa tomou nota de todas elas, comprometéndose a estudar aquelas que fosen competencia municipal e a trasladar as que dependesen doutros organismos e administracións, como no caso das beirarrúas de Cecebre.

Durante a sesión, o alumnado tamén manifestou a súa preocupación por outras cuestións, como as condutas incívicas relacionadas co mal uso dos colectores de lixo. A rexedora destacou o papel fundamental dos nenos e nenas na erradicación deste tipo de comportamentos no futuro, sinalándoos como “pezas fundamentais para construír unha sociedade máis respectuosa e concienciada.”

0.14181303977966