Estudantes da UDC crean un proxecto para fomentar o consumo de proximidade

A mocidade de entre 18 e 25 anos pode localizar tendas con produtos de proximidade nas cidades da Coruña e Ferrol a través da páxina web ECORADAR. Vén de proclamarse gañadora do hackathon sobre finanzas persoais sostibles celebrado na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol os días 28, 29 e 30 de xaneiro. O evento desenvolveuse no marco do Proxecto Europeo Erasmus+ ImpactFinance.
Detrás desta iniciativa que busca fomentar o consumo responsable entre a xuventude, especialmente entre o alumnado da Universidade da Coruña (UDC), están Diego Pérez, Irene Rodiles e Lydia Fernández, estudantes do grao en Relacións Internacionais, xunto con Gabriel Pita e Clara Ventura, do grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos. O vindeiro mes de abril, este equipo viaxará a Tesalónica (Grecia) para presentar a súa proposta de material educativo xunto con estudantes de Chipre, Grecia e Lituania.
A plataforma ECORADAR pretende converterse nunha ferramenta educativa para concienciar á comunidade universitaria sobre a importancia dunha alimentación saudable, sostible e ecolóxica. Entre as funcionalidades destacadas, a páxina incluirá unha sección de receitas elaboradas polo propio alumnado da UDC e enquisas sobre o consumo de produtos de tempada, elementos que poderían ser utilizados como recursos educativos.
MÁIS DE 40 ESTUDANTES PARTICIPARON NO HACKATHON
O hackathon sobre finanzas persoais sostibles contou coa participación de máis de 40 estudantes de grao e máster dos Campus da Coruña e do Campus Industrial de Ferrol. Durante as xornadas, afondouse en temas como a xestión dos residuos urbanos, a alimentación sostible, o consumismo e a capacidade de aforro da mocidade.
O Campus da Coruña estivo representado por alumnado dos graos en Administración e Dirección de Empresas e en Economía, ademais de estudantes do máster en Banca e Finanzas. No caso do Campus Industrial de Ferrol, participaron estudantes dos graos en Relacións Laborais e Recursos Humanos, Xestión Industrial da Moda e Relacións Internacionais.
O principal obxectivo do Proxecto Europeo Erasmus+ ImpactFinance é identificar e promover sinerxías entre a sustentabilidade e a educación financeira da mocidade, contribuíndo a resolver os retos de benestar da sociedade actual. A Universidade da Coruña (UDC) participa nesta iniciativa baixo a coordinación da profesora da Facultade de Economía e Empresa, Begoña Álvarez.