Estudantes coruñeses preparan as maletas para un ano académico en Canadá cun programa municipal

ACoruñaXa
O programa “A Coruña no Mundo: Bolsas Norteamérica 2025-26” permitirá a 30 mozas e mozos cursar primeiro de bacharelato fóra
corunha-estudantado
30 Jul 2025

Un grupo de 30 mozas e mozos da Coruña iniciará en setembro unha experiencia educativa única grazas ao programa “A Coruña no Mundo: Bolsas Norteamérica 2025-26”, promovido polo Concello. O alumnado cursará primeiro de bacharelato en distintas localidades canadenses, convivindo con familias anfitrioas e asistindo a centros de ensino locais.

Antes da súa partida, prevista para o 2 de setembro, o Concello organizou unha recepción no salón de sesións de María Pita, coa presenza da alcaldesa, Inés Rey, quen destacou a importancia deste proxecto na transformación educativa da cidade. “Este curso seredes os protagonistas dun programa educativo que xa forma parte do noso calendario habitual pero que supuxo unha auténtica revolución na educación coruñesa”, sinalou a rexedora. Ademais, lembroulles aos participantes que “desde hoxe sodes embaixadores da Coruña por un ano”.

O evento contou coa participación do concelleiro de Educación, Juan Ignacio Borrego, así como con estudantes e familiares. Interviron tamén Sara Otero Sánchez, en representación do novo alumnado, e Verónica Alejandra Palacios, que compartiu a súa experiencia tras completar o programa no curso 2024-25.

As mozas e mozos estudarán en pequenas e medianas cidades pertencentes aos distritos escolares de Newfoundland (Terranova e Labrador) e Livingstone (Alberta), preto das Montañas Rocosas. A súa volta está prevista entre xuño e xullo de 2026.

Das 30 bolsas concedidas, 25 cobren o custo completo da estadía, mentres que cinco estudantes achegarán un 5 % (1.800 euros) do custo total. O Concello, que destina 650.000 euros ao programa, ofrece tamén unha axuda mensual de 120 euros durante os dez meses de duración da estadía, ademais de cubrir viaxes, seguro sanitario, escolarización e tramitación de visados. Cinco participantes recibirán, ademais, 400 euros adicionais para gastos de desprazamento.

A selección do alumnado tivo en conta criterios académicos —nota media e cualificación en inglés en 3º da ESO—, así como a renda familiar e a situación sociofamiliar das persoas solicitantes.

O programa, que se desenvolve desde 2004, xa permitiu que preto de mil estudantes da cidade vivisen unha inmersión internacional durante un curso completo, reforzando non só as súas competencias lingüísticas, senón tamén a súa autonomía e formación persoal.

⚙ Configurar cookies
0.20607709884644