Estudantes coruñeses de 1º de Bacharelato parten a Irlanda co programa Idiomas do Mundo

ACoruñaXa
O programa Idiomas do Mundo busca fomentar o dominio do inglés e a apertura intercultural dos máis novos
corunha-irlanda
28 Jul 2025

O programa municipal Idiomas do Mundo 2025 arrancou coa despedida do grupo de 32 estudantes de 1º de Bacharelato que participarán nunha estadía de catro semanas en Irlanda. O acto tivo lugar no Monte de San Pedro e contou coa presenza do concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego.

O alumnado seleccionado viaxará á cidade de Kilkenny, onde convivirá con familias anfitrioas e asistirá a clases centradas na práctica oral do inglés. A experiencia complétase con actividades culturais, deportivas e excursións a distintos puntos do país.

Borrego animou aos participantes a “aproveitar esta oportunidade tanto para o perfeccionamento do idioma como para crecer en experiencias vitais nun contexto internacional”.

O Concello da Coruña financia integramente a iniciativa, cun orzamento próximo aos 150.000 euros. A achega municipal cobre entre o 100 % e o 65 % do custo total da praza segundo os ingresos familiares, o que garante o acceso en condicións de equidade. O programa inclúe todos os gastos: desprazamento, formación, aloxamento, actividades, monitores e seguro.

Para poder optar, o alumnado debía estar matriculado nun centro educativo da cidade no curso 2024-2025, ter unha media mínima de 6 en 4º da ESO, superar todas as materias e acadar polo menos un 7 en inglés.

Idiomas do Mundo busca fomentar o dominio do inglés, a apertura intercultural e a igualdade de oportunidades no acceso á formación internacional. Ao rematar a estadía, os estudantes recibirán un certificado oficial segundo o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL).

Esta proposta forma parte da aposta do Goberno local pola educación internacional como vía para ampliar as oportunidades da mocidade coruñesa.

0.15217804908752