Estréase na Madrid Fusión 2025 o stand da área de Turismo da Deputación
Madrid Fusión 2025 viviu a estrea do espazo da área de Turismo da Deputación, cun rotundo éxito de asistencia durante toda esta primeira xornada. As diferentes actividades estiveron repletas de público, do mesmo xeito que os mostradores nos que diferentes produtores locais exhiben a súa materia prima, que contaron con colas durante todo o día formadas por persoas interesadas nos seus produtos.
Comezaba a xornada co aroma a café de Cafés Aruba (A Coruña) que ofreceu unha torradura de café en directo e degustación do seu café arábica 100% natural, e continuaba co xa coñecido panettone de San Isidro Bakery, elaborado por Lucía No López, nesta ocasión en vasiños con mango, crema de abelá e mousse de framboesa. Ao rematar, o catador e profesor de análise sensorial e servizo, así como técnico de viticultura e enoloxía, Luís Paadín ofreceu unha cata de Castes Ancestrais e elaboracións da provincia de A Coruña e un relatorio sobre a domesticación da Vide: impacto do terroir nas variedades autóctonas de A Coruña.
Ao mediodía, os fogóns do stand do Deputación estreounos o equipo de Beatriz Cotelo (Illas Gabeiras), que cociñou ante os asistentes unha tartaleta de San Simón, tartar de tenreira galega e salmoiras e feixóns verdes con mexillón de Ribeira, para posteriormente dar paso a Luís Veira (Árbore da Veira), que elaborou en directo unha muselina con ameixas e café e xurela con palomitas, queixo e amorodo. O xefe de cociña, gastrónomo e investigador portugués Hélio Loureiro impartiu o último dos showcookings do día, consistente nunha robaliza macerada con oblea de camarón. Pratos que sorprenderon a un público que saboreou non so a materia prima e o bo facer dos chefs, senón tamén a historia que hai detrás de cada receita e de cada proxecto de restauración, todas moi vinculados ao territorio e á orixe.
Ademais, a Despensa d´Lujo ofreceu unha presentación e degustación de fabada galaica con broa de millo corvo de Coristanco; A Conserveira, das súas conservas e Chichalovers dos seus produtos máis míticos como o chourizo ou os roxóns.
Nesta edición de Madrid Fusión ten tamén un especial protagonismo o municipio portugués de Matosinhos, froito do convenio de colaboración asinado entre a entidade provincial coa Cámara de Matosinhos para a conxunta promoción turística e gastronómica. Ademais do showcooking, Hélio Loureiro contou cun espazo de exposición permanente.
Foi tamén o caso de A Conserveira; San Isidro Bakery; Bonilla a la Vista; Ternura Empanadas; A Despensa d’Lujo; Chichalovers e Cafés Aruba, que contaron con mostradores dentro do stand da Deputación, aos que asistiu un numeroso público profesional interesado nos seus produtos. Teñen, deste xeito, a oportunidade de dar a coñecer o seu traballo ante un foro tan relevante para o sector como é Madrid Fusión.
Remata, deste xeito, a primeira xornada dun dos congresos gastronómicos de maior relevancia internacional, cun balance moi positivo para a Deputación, que encheu de público todas e cada unha das súas actividades. Continuará a programación, repetindo os pases de Cafés Aruba, San Isidro Bakery, A Despensa d´Lujo, A Conserveira e Chichalovers, e incluíndo showcookings de Fabián Mouzo (O Camiño Fala, Mazaricos) e presentacións de Empanadas Ternura, Queixo Galmesán e Algas Mar de Ardora.