Este xoves, 11 de xullo, actuarán Amoebo, Selena Leo e Vengaboys no Atlantic Pride

ACoruñaXa
Desde ás 21.00 horas, Amoebo convertirá o Atlantic Pride nunha auténtica verbena galega de sons urbanos contemporáneos, bailes desmedidos, humor e moita diversión
Imaxe dos artistas do Atlantic Pride deste 11 de xullo
11 Xul 2024

O Atlantic Pride da Coruña desembarca nos Xardíns de Méndez Núñez da Cooruña coa súa quinta xornada, este xoves, 11 de xullo, cos directos de Amoebo, Selena Leo e Vengaboys, que se desenvolverán de 20.00 a 23.30h. DJ90 tomará entón o relevo como o dj encargado da pinchada que pechará a velada até ás 01.20h.

Contra ás 21.00h, a efervescencia de Amoebo convertirá o Atlantic Pride nunha auténtica verbena galega de sons urbanos contemporáneos, bailes desmedidos, humor e moita diversión, mentres que Selena Leo chegará disposta a que o público poida ‘bailar toda a noite’ coa súa fusión latina e a súa viaxe musical aos anos 90 e os 2000. Pola súa banda, Vengaboys poñerá o acento internacional a este ‘Orgullo do Norte’ coruñés cunha actuación de alta voltaxe desde ás 22.30h. A banda de culto neerlandesa visita A Coruña na que será unha das súas tres únicas citas co público español dentro da súa xira mundial neste 2024. Da man de Vengaboys, o eurodance, a electrónica e a música pop máis mítica e colorida dos anos 90 farán bailar ao público a ritmo de éxitos como Uncle John From Jamaica, We're Going to Ibiza, Boom Boom Boom Boom ou We Like to Party, que non faltarán nesta cita única da troupe co Atlantic Pride.

Programa para este xoves, 11 de xullo - Xardíns de Méndez Núñez (20.00 a 01.20 horas)

21.00 horas - Amoebo

22.00 horas - Selena Leo

22.30 horas - Vengaboys

23.30 horas - DJ 90

Sobre os artistas

Amoebo é efervescencia, unha reconstrución da verbena galega, unha proposta de música urbana que se alimenta de ritmos latinos e do idol pop dos anos 80. Amoebo é festa e diversión sen tapuxos, bailes desmedidos e moito humor, todo isto reflectido en temáticas que tocan o costumismo galego, o amor, o sexo e o día a día da xuventude galega, desde unha visión do neto que mira con nostalxia ao rural desde un entorno máis urbano.

Amoebo foi ideado e creado en 2022 por Aaron Valle (frontman, cantante e músico), a quen non tardaron en sumarse David Fernández (músico e produtor) e Gloria Campello (produtora e responsable de audiovisuais). Lanzaron o seu primeiro sinxelo, "Primeiro pase”, no mes de abril de 2022, avanzando a súa síntese de sons e dando as primeiras pistas do que sería seu enérxico directo. En verán de 2022 gañaron o concurso Sonidos Mans e participaron no Festival de la Luz, xirando desde entón por múltiples puntos de Galicia. No 2023 avanzan novos singles do que será o seu primeiro LP, Cada vez mellor. Neste traballo, con influencias de artistas como Dua Lipa ou Lali, mesturan o disco, o pop-funk, a electrónica e os ritmos latinos e urbanos actuais, nun cóctel explosivo para non deixar de bailar.

Bailarina de rock acrobático, adestradora de cheerleading, coreógrafa, locutora, reporteira, bailarina e cantante, o currículo de Selena Leo está cheo de éxitos en diferentes ámbitos artísticos. Tras gañar o Campionato de España de Salsa e Merengue aos 18 anos, fórmase no Ballet Nacional de Cuba e comeza a traballar para artistas como Enrique Iglesias, Celia Cruz ou Ricky Martin. Aos 25 anos grava o seu primeiro disco co dúo Sonia e Selena, converténdose en toda unha icona a comezos dos 2000, da man de hits como Yo quiero bailar. En 2002 disolvese o grupo e Selena Leo continúa en solitario a súa carreira, publicando novos temas, como Baila mi son ou Chaladura de amor, e xirando con éxito por Estados Unidos e Latinoamérica.

Selena Leo foi a intérprete da canción oficial de Gran Hermano dous anos consecutivos. En 2011 reúnese de novo con Sonia Mádoc para gravar o remix de Yo quiero bailar, como regalo para os seus fans dez anos despois do seu lanamento. Desde 2017, a artista percorre escenarios de toda a xeografía española en tours “remembers”, en divertidas viaxes musicais aos anos 90 e os 2000. Nos últimos anos, publica novos traballos de fusión latina que amosan toda a súa esencia, como Loca, Sigue mi ritmo e Sigue mi ritmo remix, colabora cos dj’s Dream Team (Quique Tejada, Jose Maria Castell e Toni Peret) e lanza Yo quiero bailar 20 aniversario. Con Selena Leo o público poderá bailar, sen dúbida, toda a noite!

Todo empezou da man de dous dj’s: Danski e Delmundo, que organizaban festas improvisadas na praia co seu vello bus escolar. Durante as súas xiras por Ibiza e a costa española, entre os anos 1992 e 1997, catro bailaríns e cantantes sumáronse á troupe: Roy, Denice, Kim e Robin, dándolle novos aires aos seus dj sets. A súa fama crecente deulles o impulso necesario para ir un paso máis aló e crear o seu propio selo discográfico, co que comezaron a producir, tamén, os seus propios discos.

O seu primeiro hit internacional, Up & Down, viu a luz en marzo de 1997 e pronto se posicionou no posto número 5 das listas musicais de Europa, antes do seu desembarco estadounidense, onde alcanzou, tamén, un notable éxito. De costa a costa, non houbo club nin parade no que non se escoitase Up & Down, seleccionado no número 1 da popular listaxe Billboard Dance Chart. O seu álbum debut, acertadamente titulado Greatest Hits!, converteuse en disco de ouro en Estados Unidos. Ese mesmo ano, Vengaboys foron nomeados aos Premios MTV na categoría de mellor actuación revelación.

0.18331098556519