Este sábado celébrase no Teatro Colón a final do concurso 'Quero Cantar 2024' da Deputación

ACoruñaXa
A entrada será de balde ata completar aforo, pero será necesario retirar un convite para poder asistir
Imaxe do cartel da gala final de 'Quero Cantar 2024'
19 Abr 2024

Santiago de Compostela, Teo, A Laracha, Redondela ou Cangas do Morrazo son as localidades de orixe dos integrantes dos grupos que enviaron as propostas seleccionadas polo xurado do concurso de música infantil e xuvenil 'Quero Cantar' organizado pola Deputación da Coruña. Un certame consolidado xa na súa sétima edición: cada ano ponllo máis difícil ao xurado que destaca a elevada calidade das pezas recibidas e o complexo da peneira.

E só seis podían estar na gala final que se celebrará no Teatro Colón da Coruña este sábado 20 de abril. Subirán ao escenario en primeiro lugar @s Tareixas, Hush e Sementarei, os seleccionados na categoría infantil (ata 12 anos e con posibilidade da presenza dunha persoa adulta), e posteriormente actuarán os finalistas na categoría xuvenil (de 13 a 16 anos): a solista Daniela Montes, e os grupos Interestelares e esTilos. Na gala actuará tamén Onda Dagda, grupo amesán con pegada de edicións anteriores do 'Quero Cantar' entre os seus integrantes, que demostra que a faísca do concurso alumea proxectos e fai canteira na música do país.

A gala estará presentada pola actriz e contadora Soledad Felloza. A asistencia á gala final será de balde, previa retirada de convite na web do Teatro Colón.

A complicada peneira previa correspondeulle nesta edición 2024 a un xurado composto por persoas vinculadas profesionalmente ao mundo da música integrado por Ángeles Dorrio, Silvia Penide, Sofía Espiñeira, Brais das Hortas e Mondra. O xurado estivo presidido pola deputada de Cultura, Natividad González Rodríguez, actuando como secretaria a xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes, Mercedes Fernández- Albalat. Tamén estivo presente, sen voz e sen voto, o comisario do concurso, Tono Formoso. Mais, lembramos que na gala final, o xurado estará integrado por nenos e nenas e por mozos e mozas con formación musical e do mesmo abano de idade que as bandas e solistas seleccionadas para a final.

Finalistas na categoría infantil

@s Tareixas é un grupo de Redondela, integrado por un pai e os dous fillos, nena e neno, cunha canción sobre a súa avoa, titulada “A cadeira da avoa”.

HUSH é un grupo de seis nenas e nenos que estudan na escola ‘Entre Caixas’, de Calo, Teo. O seu é o rock clásico e a canción coa que se presentan ao concurso chámase “Estaría ben”.

Sementarei é un grupo de seis nenas e nenos estudantes das Escolas de ensino Semente, de Santiago de Compostela. Chegan á sétima edición do concurso coa canción titulada “Umha valsa para Gaza”, que quere ser un alegato contra o xenocidio en Gaza.

Finalistas na categoría xuvenil

Daniela Montes é unha solista da Laracha que se acompañará na súa actuación co piano. Presentaranos unha canción de desamor titulada “Non todo era malo”.

Interestelares é un grupo de catro nenas e nenos de Cangas do Morrazo que chega ao concurso coa canción que titularon “Lume”. A peza está inspirada nun suceso real: o incendio que ameazou gravemente a casa da compositora do grupo.

esTilos é un grupo formado exclusivamente por guitarristas, rapaces e rapazas, alumnos de guitarra nas clases de Miguel Alonso no seo da asociación cultural e recreativa Os Tilos, de Teo. Presentáronse coa canción “Ollos mentireiros”, unha peza contra os estereotipos de beleza.

0.13797402381897