Este sábado celébrase no Palexco da Coruña a XVII Feira Matemática
Na xornada deste sábado máis de mil estudantes de 18 centros educativos da Coruña participarán na XVII Feira Matemática no Palexco, organizada pola Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática e promovida e financiada polo Concello da Coruña.
Nesta edición, o lema da feira é a relación entre a agricultura e as matemáticas. O ano pasado, máis de 2.000 persoas visitaron a feira, cuxa entrada é libre.
As actividades, nas que tamén colabora a Universidade da Coruña, desenvolveranse a partir das 11 horas en no Hall de Proa de Palexco. Haberá un total de 31 postos ou casetas, nos que alumnado presentará os proxectos que desenvolveron nas aulas baixo a supervisión dos 114 profesores e profesoras que tamén participarán na feira. As casetas serán atendidas por 69 estudantes, que serán os encargados de explicar as características dos proxectos deseñados.
A Feira Matemática é unha xornada pensada para a divulgación das matemáticas e dirixida aos alumnos e alumnas de Educación Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e Formación Profesional así como ao profesorado de Matemáticas e a todo o público en xeral. A actividade avanza na liña marcada polo Goberno local para a promoción e divulgación das ramas STEM así como dos centros educativos da cidade.
Ao longo de todo un día móstranse distintos aspectos do proceso de aprender e ensinar matemáticas de forma divertida e coa participación dos escolares, os seus pais e nais, o profesorado e o público en xeral. Para iso desenvólvense actividades, talleres, concursos e exhibicións que fomentan a implicación de todos os asistentes á feira.