Este martes 7 de maio celébrase o Día Mundial do Asma
Este martes dia 7 de maio, celébrase o Día Mundial do Asma, que este ano ten como slogan “A educación sobre a asma empodera”.
É unha enfermidade crónica moi prevalente, que afecta a un 4- 5,5% da poboación adulta, ao redor de 339 millóns de persoas en todo o mundo, e xera un consumo moi importante de recursos humanos e materiais. En España, máis de tres millóns de persoas teñen asma, das que o 10% son nenos de entre 6 e 7 anos e o 15% son adolescentes de entre 13 e 14 anos. O custo medio por paciente e ano calcúlase en 1.726 euros, que varía en función da gravidade da asma nun rango que vai desde os 959 euros para a asma leve aos 2.635 euros para a asma grave.
A asma é unha enfermidade multifactorial que non se pode previr e na que participan moitos elementos, tanto relacionados coa persoa (xenética, comorbilidades), como coa contorna (exposición ambiental a irritantes, contaminantes ou alerxenos). Como todas as enfermidades crónicas, o máis importante é manter un bo control e previr os ataques. Más da metade dos pacientes con asma non ten a súa enfermidade controlada. A causa principal do mal control da asma é a falta de adhesión á medicación. É moi importante concienciar ao paciente sobre a necesidade de realizar o tratamento indicado de maneira regular para evitar que a asma pase de ser un proceso controlado a descontrolado.
Dende a Área Sanitaria da Coruña e Cee sinala que a educación do paciente con asma é un elemento básico do tratamento, xa que reduce o risco de padecer unha exacerbación, aumenta a súa calidade de vida e diminúe os custos sanitarios, polo que forma parte indispensable do manexo integral da enfermidade. A educación do paciente ten como obxectivo reforzar a alianza terapéutica, a adherencia á atención médica e as habilidades do paciente, incluído o autocontrol, para mellorar o manexo e control da asma, así como a calidade de vida. Desde un punto de vista práctico, a educación debe contemplar dous grandes aspectos: transmisión de coñecementos e adquisición de habilidades e competencias.
A educación sobre a asma mellorou nos últimos anos como resultado da aplicación de principios teóricos baseados na evidencia que guían a aprendizaxe e a modificación da conduta. Os programas exitosos de educación sobre a asma inclúen estratexias de cambio de comportamento, prácticas de coidado compartido e habilidades de comunicación, un proceso educativo claro, adaptación ás necesidades do paciente, múltiples formatos de ensino etc. Con todo, numerosas áreas na educación sobre a asma requiren melloras e máis investigación, como os modelos do mundo real, as sensibilidades ás poboacións ou lugares desatendidos, as asociacións innovadoras, a continuidade da atención e os incentivos/participación dos pacientes.
As intervencións educativas non só se poden desenvolver na contorna clínica. As intervencións de autocoidado nas escolas, ou por parte doutros pacientes con asma, proporcionan un mellor control, unha redución das exacerbaciones e unha mellor calidade de vida. Ademais, poden influír positivamente en que os adolescentes non se inicien no hábito do tabaquismo e adiccións.
Decálogo de estilo de vida saudable para o bo control do asma
- Acudir de forma periódica ás consultas programadas co especialista e o médico de familia. Eles informaran das características da asma, variabilidade dos síntomas e causantes e como recoñecelos.
- Tomar sempre a medicación que prescriba o médico cumprindo as súas indicacións: dose, frecuencia e duración pautadas. Nunca automedicarse.
- Crear un diario de asma. Recoller os datos dos síntomas, tratamento e calquera axente que pareza un causante dos brotes de asma. Para ilo hai aplicacións para descargar no móbil que axudan a realizar este control: ASMACONTROL de SOGAPAR.
- Tratar precozmente os síntomas da asma cando aparezan. Utilizar o plan de acción personalizado e consultar ao médico. Revisar periodicamente a técnica inhalatoria.
- Utilizar correctamente os inhaladores. O único tratamento efectivo na asma é aquel que se inhala correctamente.
- Non fumar e evitar ambientes con fume.
- Procurar respirar aire limpo e libre de alérxenos.
- Realizar deporte ou actividade física. Estar activo axuda a mellorar a saúde.
- Manter hábitos alimentarios saudables. A obesidade é unha comorbilidade que pode conleva un mal control da asma.
- Facer prevención de infeccións respiratorias: lavado frecuente de mans, evitar contactos con persoas con arrefriados ou outras infeccións respiratorias, evitar amontoamentos durante as epidemias de virus respiratorios, vacinarse da gripe, …