Este luns remata o ciclo de talleres sobre o coidado de persoas con demencia promovido pola Área Sanitaria e AFACO

ACoruñaXa
Trátase dunha acción que marca o compromiso da Área Sanitaria cos coidadores e co que se pretende capacitalos para instaurar pautas de coidado axeitadas en beneficio das familias
Imaxe recurso do coidado de persoas maiores
20 Maio 2024

O Servizo de Traballo Social da área Sanitaria da Coruña-Cee ten entre os seus obxectivos fomentar a participación activa da poboación no coidado da saúde, e para iso promove alianzas coas entidades sociais comunitarias e os centros de saúde de Atención Primaria, como é neste caso a Asociación AFACO, cos que se puxo en marcha un ciclo de talleres dirixido a persoas coidadoras como alicerce fundamental do coidado da saúde de pacientes con demencia.

Trátase dunha actividade de aprendizaxe participativa sobre o coidado saudable, tendo en conta as expectativas e experiencias das propias persoas asistentes. Deste xeito, preténdese unha formación e adestramento en habilidades relacionadas co bo coidado, o coidado compatible co autocoidado, e o como desaprehender hábitos e crenzas que actúan negativamente ou se vivencian con sentimentos de malestar.

Este luns, día no que remata este ciclo de sesións, falarase sobre a corresponsabilidade no coidado e na necesidade de asumir compromisos de xeito equilibrado. Ser corresponsable implica unha transformación individual pero tamén colectiva e social. Entre outros beneficios, mellora a calidade de vida da unidade familiar, evitando conflitos e tensións, fomentando a autonomía persoal e facendo posible que todas as persoas poidan realizar outras actividades. Estes e outros consellos están recollidos nunha guía de apoio a disposición de los alumnos.

Nas sesións, conducidas por profesionais especialistas nas diferentes áreas, fomentouse a participación e o diálogo, coa fin de coñecer e poñer en valor o seu traballo como persoas coidadoras e as experiencias ligadas ao seu labor. Así mesmo, as persoas participantes foron as protagonistas, podendo expor todas aquelas cuestións que lles inquietaban. Este conxunto de accións, ás que se pretende dar continuidade no futuro, realizáronse en colaboración co Centro de Saúde de Elviña, onde se celebraron as sesións formativas.

0.18389105796814