Este domingo, máis de 1.500 persoas participarán na Carreira Popular de Novo Mesoiro

Este domingo, 15 de decembro, celebrarase a Carreira Popular de Novo Mesoiro, que porá o broche final á undécima edición do circuíto Coruña Corre. A cita, que fora aprazada o pasado 24 de novembro debido a unha alerta meteorolóxica, prevé a participación de máis de 1.500 persoas, consolidándose como un evento deportivo destacado no calendario da cidade.
A proba contará con diferentes percorridos adaptados tanto para a categoría absoluta, cun trazado de 5,5 quilómetros maioritariamente sobre asfalto, como para categorías inferiores (sub-18, sub-16, sub-14, sub-12, sub-10 e peques). A saída da carreira absoluta terá lugar ás 10:00 horas nas inmediacións do polideportivo municipal, na rúa dos Ancares, e o percorrido incluirá rúas emblemáticas do barrio, como a avenida de Novo Mesoiro e Fragas do Eume.
Tralo remate da proba absoluta, ao redor das 11:00 horas, entregarase a premios ás e aos vencedores, e darán comezo as carreiras das categorías inferiores. O Concello habilitará un servizo de gardarroupa e ofrecerá avituallamento para as persoas participantes.
Afectacións ao tráfico
O evento implicará restricións no tráfico desde as 9:45 horas, co peche temporal das principais rúas do percorrido. A circulación normal recuperarase de forma progresiva tras o remate das carreiras, agás na rúa dos Ancares, que permanecerá afectada ata as 12:00 horas.