Este domingo celébrase a XXIX Carreira Alternativa
A Coruña será o escenario este domingo, 28 de abril, da edición número 29 da Carreira Alternativa, unha proba inclusiva e solidaria organizada pola Asociación Galega de Xestión Deportiva e Be One que conta coa colaboración do Concello. Esta mañá presentaban a proba o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez; o responsable de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira; e o organizador, Eduardo Blanco.
O evento deportivo comezará ás 11.00 horas e está previsto que a participación rolde o milleiro de persoas. O percorrido total é de 7 quilómetros.
O lema desta carreira é ‘Pola inclusión e a igualdade’ e desde a organización inciden en que non se trata dunha competición, senón dun evento lúdico que se pode facer correndo, andando, en patíns, en bicicleta ou en cadeira de rodas, tal e como se indica no cartel. A carreira partirá da praza de María Pita, onde tamén estará a liña de meta, e un vehículo marcará o ritmo máximo na cabeza. As persoas participantes atravesarán a Marina, rúa Nova e rúa Alta e percorrerán o paseo marítimo en dirección á Torre de Hercules, volvendo a María Pita polo Parrote.
A carreira ten un forte compoñente reivindicativo e súmase ás numerosas probas deportivas que promove o Goberno da cidade. Nesta carreira non será necesario inscribirse previamente e non haberá dorsais, reforzando deste xeito o seu carácter lúdico. Ademais, na praza de María Pita haberá diferentes actividades e xogos para todos os públicos.