Especialistas de toda España analizan na Coruña os avances no tratamento da patoloxía pélvica

A Coruña reúne desde este 9 de abril a un amplo grupo de especialistas en patoloxía pélvica con motivo da quinta edición do 'Curso de Patoloxía Pélvica', unha cita organizada polos doutores Iván Castro e Guillermo Rieiro, do Servizo de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía do CHUAC. O encontro, que se celebra no Hotel Attica 21, congrega profesionais chegados de distintos puntos do territorio nacional para afondar nun tipo de lesións de especial complexidade clínica.
O curso pon o foco nunhas patoloxías especialmente graves, que poden chegar a ser letais ao provocar hemorraxias con risco de shock hipovolémico ou lesións xenitourinarias como a rotura de vexiga. A programación aborda tanto o diagnóstico como o tratamento destas fracturas, con revisión dos protocolos de atención inicial, traslado e recepción hospitalaria, ademais das claves para afrontar con éxito a cirurxía.
A casuística das fracturas de pelvis presenta tamén en Galicia un perfil bimodal, similar ao do resto de España. Por unha banda, medran os casos de fracturas por fraxilidade entre a poboación de máis idade, habitualmente ligadas a caídas de baixo impacto e a procesos de osteoporose non diagnosticada. Pola outra, mantéñense as lesións de alta enerxía en pacientes máis novos, asociadas sobre todo a accidentes de tráfico e outros traumatismos de gran impacto.
Ao longo das dúas xornadas, os participantes abordarán tamén a patoloxía traumática de cadeira, un problema con especial incidencia en pacientes anosos e que require actualización constante tanto no tratamento conservador como na abordaxe cirúrxica dos casos máis complexos.
O curso está dirixido a traumatólogos, tanto a profesionais xa especializados nesta cirurxía como a quen busca reforzar coñecementos nun ámbito en permanente evolución. A cita conta co aval da Sociedade Galega de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, da Sociedade Española de Cirurxía de Cadeira e da Sociedade Española de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía.