Recuperado o subministro eléctrico no 100 por cento da provincia de Lugo

Ás 07.00 horas da mañá, o 99,95 % da demanda enerxética da Península (25.794 megavatios) xa estaba recuperada, despois do apagón que comezara o luns arredor das 12.30 horas. Segundo informaron Red Eléctrica e o Ministerio para a Transición Ecolóxica, a totalidade das subestacións da rede de transporte de electricidade están de novo operativas.
Na provincia de Lugo o subministro está xa ao 100% segundo informou a Subdelegación de Goberno, sendo zonas como A Ulloa as últimas en completar o servizo, que o fixeron sobre as 9.30 horas de esta mañá. En Ourense está tamén moi avanzado e son poucas zonas, e illadas, as que non teñen subministro aínda. Un dos últimos en recuperarse foi O Carballiño, pasadas as 10.30 horas, mentres que A Pobra de Trives continúa, xa pasadas as 11.00 horas, sen subministro eléctrico.
En Galicia, a reposición do subministro eléctrico comezou na tarde do luns en distintas zonas das provincias de Lugo e Ourense, e avanzou progresivamente durante a noite e a madrugada no resto do territorio. En cidades como Ferrol ou Pontevedra, o servizo restableceuse despois das 4.30 horas, mentres que en Santiago, segundo fontes municipais, a normalidade recuperouse ao redor das 6.00 horas.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou nunha comparecencia pública que ademais dos hospitais e os servizos de urxencia, a Atención Primaria prestará atención sanitaria este martes. Ademais, explicou que os galegos que utilicen aparellos respiratorios poderán cargalos nos Puntos de Atención Continuada (PAC) e que poderán informarse a través dos teléfonos do 061 e 112.
Tamén pediu aos galegos que fagan "un uso responsable" dos servizos básicos da sanidade e que eviten consultas que non se consideren necesarias ata que se restablezca a subministración eléctrica.
Na xornada de mañá por decisión do Cecopi quedará suspendida tamén a actividade lectiva en todos os centros educativos de Galicia, escolas infantís e centros de día, así como toda a actividade deportiva federada.
RESTABLECEMENTO DO SERVIZO
En Galicia, o subministro eléctrico xa se restableceu en varios puntos de Ourense, Lugo e A Coruña. Tamén se recuperou a rede en puntos de Cataluña, Aragón, País Vasco, Asturias, Castela e León, Navarra, A Rioxa e Extremadura. A cidade de Lugo e a maior parte das capitalidades dos concellos contan xa con subministro desde a tarde. Porén, Ourense volveu a sufrir un novo apagón sobre as 20.00 horas e a maioría da cidade volveu a estar sen luz.
De feito este comezou entrando polo occidente de Asturias a través da ría de Abres e tamén polo sur da provincia sendo Carballedo, Trabada e Ribadeo das primeiras en ter luz.
Malia que hai luz fallan aínda as liñas de teléfono e moitas delas só funcionan a través das wifis. Tampouco hai un control das incidencias que se produciron na provincia de Lugo xa que os propios servizos de atención están con problemas. En acaso de necesidade de atención recoméndase o uso do 112.
Desde as 12.32 horas desta mañá rexistrouse un apagamento eléctrico xeral que afectou a toda España e Portugal, e tamén de forma puntual a Adorra e o sur de Francia, e que tamén provocou problemas nas comunicacións telefónicas. Distintos puntos, tanto urbanos como rurais, das catro provincias galegas, estiveron afectados polo corte e todavía continúan sen subministro as provincias de A Coruña e Pontevedra.
GALICIA SOLICITA O NIVEL 3 DE EMERXENCIA
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, compareceu arredor das 18.00 horas para informar sobre a situación. Explicou que o corte estivo relacionado cunha “oscilación moi forte nos fluxos de potencia nas redes”, o que provocou a desconexión do sistema eléctrico español do europeo
Xa preto das 23.00 horas, tras a terceira reunión extraordinaria do Consello de Seguridade Nacional, o presidente volveu comparecer para confirmar que, ás 12.33 horas desta mañá, desapareceron 15 gigavatios en cuestión de segundos, o que supón o 60 % de todo o subministro que consumía España nese momento. Porén, reiterou que as causas desta desaparición seguen a ser descoñecidas.
Ademais, Sánchez confirmou que xa son oito as comunidades autónomas que solicitaron o nivel 3 de emerxencia: Galicia, Madrid, Estremadura, Murcia, A Rioxa, Castela-A Mancha, Comunidade Valenciana e Andalucía. De este modo, as competencias sobre a xestión do apagón pasan ao Goberno central.
Dende o Goberno recomendan prudencia e piden á cidadanía que evite, na medida do posible, os desprazamentos a non ser que sexa estritamente necesario, mentres se traballa nunha solución. Na mesa rolda de prensa, o presidente confirmou que as 23.00 xa se restablecera o 50% do subministro en toda a península.
Pola súa banda, desde Rede Eléctrica aseguran que se trata dun incidente "sen precedentes". “Na historia de Rede Eléctrica nunca houbo un incidente destas características no sistema eléctrico peninsular”, aseguraba na súa comparencia o director de Servizos da Operación de Red Eléctrica, Eduardo Prieto, que cualificou o feito de “absolutamente inusual e extraordinario”. Na mesma liña que o Goberno, insiste en que aínda se descoñecen as causas que levaron ao colapso total.
Desde a compañía afirman que nestes momentos logrouse recuperar a tensión en subestacións de varias zonas do norte, sur e oeste peninsular. Os traballos, explicaban a primeira hora da tarde, poderían durar “entre 6 e 10 horas”.
O DELEGADO DO GOBERNO PIDE TRANQUILIDADE
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, lanzou esta tarde unha mensaxe de tranquilidade á cidadanía galega, á que pediu que confíe só nas fontes oficiais para informarse sobre a crise e evite os desprazamentos innecesarios para aforrar combustible e evitar posibles incidencias. Tamén reiterou a recomendación dun uso limitado dos servizos de comunicación telefónicos para garantir as conexións no caso en que se produza algunha emerxencia. Así o fixo durante a reunión do Centro de Coordinación Operativo Integrado (CECOPI), do que forma parte, e que se está a celebrar na sede da Axencia Galega de Emerxencias-112 na Estrada (Pontevedra).
Pedro Blanco incorporouse a primeira hora da tarde á reunión do órgano de coordinación tras a activación do nivel 2 do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (PLATERGA) por parte do director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia. Nesta reunión está acompañado polo xefe superior de Policía de Galicia, Pedro Pacheco; o xeneral xefe da 15 Zona da Garda Civil de Galicia, Miguel Ángel González e a xefa da Unidade de Protección Civil da Delegación do Goberno, María Dolores Gómez.
O delegado destacou a ausencia de incidencias de seguridade cidadá durante as horas posteriores ao fallo e informou de que tanto Garda Civil como Policía Nacional teñen activados todos os seus efectivos para garantir a atención de calquera emerxencia e facilitar os traballos dos equipos de Protección Civil. Nesta liña, lembrou á cidadanía que realice un uso responsable destes servizos.
En todo caso, Pedro Blanco reiterou o traballo intenso e continuo de todos os departamentos do Goberno para recuperar o subministro de electricidade en todo o país o antes posible. Nesta recuperación, o delegado mantén o contacto permanente cos responsables de Rede Eléctrica e Presidencia do Goberno para coñecer os avances nesta recuperación e atender as necesidades que poidan precisar no que respecta a Galicia.
“NORMALIDADE” NOS HOSPITAIS
Nos hospitais galegos puxéronse en marcha os xeradores de emerxencia e tanto os quirófanos como as unidades de críticos contan con baterías autónomas, o que permitiu resolver algunhas incidencias. Desde o Sergas envían unha mensaxe de tranquilidade e aseguran que as urxencias atenderanse con normalidade. O persoal tanto de hospitais, como dos PAC e dos centros de saúde segue traballando, segundo informan desde Sanidade.
PROBLEMAS NAS LIÑAS DE TRANSPORTE
A DXT, pola súa banda, solicita evitar na medida do posible os desprazamentos por estrada para previr posibles accidentes, mentres que o 112 pide empregar este número só en casos de emerxencia para non saturar a liña, e informan de que tanto o 112 como o 061 seguen atendendo chamadas sen interrupción.
Desde AENA tamén comunican que os aeroportos están operativos cos sistemas eléctricos de continxencia e que o impacto nos voos dependerá das dificultades que poidan ter os pasaxeiros e a tripulación para chegar aos seus destinos.
O servizo ferroviario quedou suspendido en toda España ata novo aviso e desde Adif piden aos pasaxeiros con viaxes previstas que non se despracen ás estacións. En Ourense, os viaxeiros do Avant Ourense-A Coruña permaneceron atrapados varias horas dentro do tren. O ministro de Transportes, Óscar Puente, informou a través da súa conta de X que "no día de hoxe non é previsible que se recupere a circulación de trens de Media e Longa Distancia". Por iso, explica, “todos os usuarios que tivesen previsto un desprazamento destas características non poderán realizalo”.
Pola súa parte, o Goberno galego activou o Plan de Emerxencias de Galicia para coordinar medidas coas demais administracións.