Entrevista con Arantxa, unha das nais afectadas pola falta de docentes de apoio no CEIP Gonzalo Torrente Ballester: 'Cada día que pasa sen resposta é unha barreira máis para a inclusión'

ACoruñaXa
Arantxa pide á Xunta e ao Concello que revisen as horas de PT/AL e garanticen persoal no colexio de Cambre
CAMBRE torrente ballester
Fotografía do centro utilizada para salvagardar a identidade da entrevistada
11 Oct 2025

  Por Noelia Uceira Vilar

Hai uns días, Cambre reclamaba a convocatoria urxente do Consello Escolar Municipal para abordar a falta de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe no CEIP Gonzalo Torrente Ballester, en Sigrás. Para poñer voz a este problema falamos con Arantxa, nai de dous menores —entre eles Paulo, un neno con TEA non verbal que cursa cuarto de infantil en Sigrás—. Arantxa relata como a escaseza de horas de PT e AL, xunto coa ausencia dunha persoa coidadora permanente, dificulta a incorporación plena do seu fillo ao centro.

Como describirías as principais necesidades educativas do teu fillo?
Paulo non ten totalmente desenvolvida a súa autonomía. Non fala, aínda usa cueiro e non entende correctamente as instrucións, polo que precisa que alguén estea sempre con el para axudalo en aspectos básicos da aula e do colexio en xeral. Ademais, debería contar cun apoio máis completo de Audición e Linguaxe (AL) e de Pedagoxía Terapéutica (PT), xa que o tempo de apoio actual é moi escaso.

Cando notaches por primeira vez que non se estaban a cubrir os apoios?
O problema comezou moito antes de que empezase o curso. En xuño, o equipo de orientación do CEIP Gonzalo Torrente Ballester valorou a Paulo e elaborou un informe sobre as súas necesidades. Cando ese informe chegou a Inspección, recibín unha chamada para que acudira co equipo de valoración do TEA da Xunta. Dita valoración foi moi breve e superficial. Tras uns minutos, comunicáronme que as horas de apoio solicitadas polo centro lles parecían excesivas e que, por tanto, non as ían conceder.

Por iso, algo tan sinxelo como un debate ao comezo do día cústalle moito. Paulo necesitaría a alguén que o guíe para permanecer sentado e escoitar, sempre dentro das súas posibilidades. Non ten a paciencia necesaria para estar sentado máis que uns segundos. Na hora do patio escápase en canto ten a ocasión, e iso pode supoñer un problema serio se non hai ninguén pendente del. Ademais, a Paulo non lle gustan os ruídos nin as aglomeracións. En resumo, sen ese apoio a mestra non podería seguir o ritmo da clase e Paulo tampouco recibiría a educación que merece.

Como reaccionou o centro ante esta problemática?
Desde o colexio sempre se mostraron dispostos a axudar e a loitar por todo o que corresponde a Paulo. Remitiron a Inspección o expediente e os informes sobre o seu caso; agora estamos á espera da resolución da Xunta. Contar co respaldo do equipo de orientación, da dirección e do profesorado dálle tranquilidade á familia, e por iso estamos moi agradecidos.

Recorrestes a recursos externos, como asociacións ou centros de atención temperá?
Desgraziadamente, é un problema xeral en moitos centros: cada vez hai máis nenos e nenas con necesidades especiais que non quedan cubertas. Quizais o maior problema é que os catálogos de actuacións non se actualizaron desde hai case 30 anos e as necesidades cambiaron moito. No noso caso, formamos parte dunha asociación privada a través da cal Paulo recibe terapias; traballa con eles desde que tiña un ano e medio.

Como está a afectar esta situación ao voso día a día e á conciliación?
Na familia ímonos todos ao compás e iso é fundamental; temos claro o que queremos para Paulo e sentimos respaldo. En canto á conciliación, levo dous anos de baixa médica por ansiedade e depresión a causa da situación que vivimos con Paulo desde hai anos. É moi difícil asimilar algo así e, prácticamente, imposible compatibilizar o traballo con todas as atencións que el precisa. Faio polo menos catro viaxes diarias ao centro polos distintos horarios de entrada e saída dos meus fillos, algo inviable se traballase. Paulo necesita que eu estea e é o máis importante agora; confío en que, pouco a pouco, e conforme vaia adquirindo autonomía, a situación se normalice.

Se puideses pedir medidas concretas ao centro, ao concello e á administración educativa, cales serían?
Neste caso as miñas peticións van dirixidas ás administracións. Ao Concello pediríalle que nos apoie e nos axude a exercer presión: hai semanas chamei á alcaldía para pedir unha cita coa alcaldesa e poderlle expoñer o caso, e aínda non recibín resposta. É unha cuestión dentro do colexio do municipio e creo que debe considerarse coa seriedade que merece.
Á Xunta pediríalle que teña en conta a problemática específica de cada centro e non se limite a aplicar ratios xerais. Que o Gonzalo Torrente Ballester sexa un centro pequeno non significa que teña menos necesidades; cada caso require os apoios necesarios, porque diso depende o futuro dos nenos e nenas con estas dificultades.

Para rematar, lembrar que Paulo segue en pleno período de adaptación, unha fase esencial para a súa evolución e benestar, e sen o apoio estable que necesita (Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe e unha persoa de acompañamento) ese proceso corre un serio risco. Por iso pedimos con urxencia á Xunta que revise e conceda as horas necesarias canto antes e ao Concello que active o seu respaldo institucional e nos axude a atopar algunha solución. Cada día que pasa sen resposta é unha barreira máis para a inclusión de Paulo e un gran peso para unha familia que non pode agardar máis.

⚙ Configurar cookies
0.071828842163086