Enriqueta Otero Farto (Queta Molas) recibirá o Premio Mártires da Liberdade 2024 en Carral
A vila de Carral acollerá o próximo sábado, 16 de novembro, ás 19:00 horas, a entrega do Premio Mártires da Liberdade 2024. O galardón, organizado pola Asociación Cultural e Teatral Abril de Lume e Ferro e patrocinado pola Deputación da Coruña, recoñece o compromiso e a traxectoria de persoas na loita pola memoria histórica. Nesta edición, a premiada será Enriqueta Otero Farto, máis coñecida como Queta Molas, destacada activista pola Memoria, filla de represaliado e presidenta da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) de Marín.
A Casa da Cultura de Carral converterase así nun espazo de homenaxe para unha figura que leva anos traballando para preservar e reivindicar a memoria dos represaliados polo franquismo. O evento, que conta tamén coa colaboración do Concello de Carral, promete ser unha oportunidade para lembrar a importancia da memoria histórica e honrar a todas aquelas persoas que dedicaron a súa vida á defensa dos dereitos e liberdades.