En marcha a Sociedade Xestora da Cidade das TIC para impulsar o polo tecnolóxico de Pedralonga

ACoruñaXa
Entre os fitos, a creación de novos platós audiovisuais en dous dos edificios da antiga Fábrica de Armas
tic-corunha
3 Apr 2025

A Sociedade Xestora da Cidade das TIC xa é unha realidade. A súa constitución oficializouse coa celebración da primeira sesión ordinaria do Consello de Administración, un acto no que participaron a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao Abad. Este paso marca o inicio da folla de ruta trazada polo Concello e a UDC para dinamizar e impulsar o polo tecnolóxico de Pedralonga.

A reunión desenvolveuse na Sala Cluster TIC do Centro de Servizos Avanzados e permitiu definir o organigrama de goberno desta primeira etapa. Ricardo Cao Abad asumirá a presidencia da Sociedade Xestora ata finais de ano, momento no que cederá o testemuño a Inés Rey, quen liderará o órgano dende principios de 2026.

O Consello de Administración contará cunha representación equilibrada entre o Concello e a Universidade. Por parte do goberno municipal, estarán José Manuel Lage, concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica; Nereida Canosa, concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade; Emma Cid, directora da Área de Gabinete da Alcaldía; e Manuel Ángel Jove, director da Área de Administración Xeral. A representación da UDC recaerá no reitor Ricardo Cao, a secretaria xeral da UDC, Marta García, e o vicerreitor de Investigación e Transferencia, Jerónimo Puertas.

Entre as funcións do Consello de Administración atópase a dirección e xestión dos negocios da sociedade, así como a toma de decisións estratéxicas para cumprir os obxectivos de promoción e impulso da Cidade das TIC.

Durante a reunión, tanto a alcaldesa como o reitor puxeron en valor os avances experimentados pola Cidade das TIC nos últimos meses, especialmente coa incorporación de novos equipamentos que reforzarán as iniciativas empresariais e investigadoras que se están desenvolvendo en Pedralonga. Destacaron o impacto que terá o proxecto no sector TIC e no tecido audiovisual da cidade.

Un dos principais fitos será a creación de novos platós audiovisuais en dous dos edificios da antiga Fábrica de Armas. A Xunta de Goberno Local vén de conceder os permisos necesarios para a construción destes estudios inmersivos, que ocuparán dúas parcelas cunha superficie total de 6.640 metros cadrados. O proxecto, promovido por unha empresa privada, contará cun orzamento de 4,1 millóns de euros e terá un prazo de execución de 36 meses.

Con este novo paso, a Cidade das TIC avanza como un polo tecnolóxico clave para a innovación e o desenvolvemento económico da Coruña, consolidándose como un referente estratéxico para o futuro da cidade.

⚙ Configurar cookies
0.18152284622192