En funcionamento as novas escaleiras mecánicas de Adelaida Muro en Monte Alto

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, supervisou este 20 de outubro a posta en servizo das escaleiras mecánicas de Adelaida Muro, unha infraestrutura clave en Monte Alto destinada a salvar o desnivel coa rúa Ángel Rebollo e facilitar os desprazamentos a pé no barrio. “É unha vía de conexión esencial para os veciños e veciñas e un paso adiante en mobilidade; amosa o noso compromiso coa accesibilidade universal”, afirmou Rey, acompañada pola concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, e polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.
O proxecto incluíu a reconfiguración integral do percorrido peonil e a instalación, no corredor central, de tres treitos de escaleiras mecánicas cubertas con pranchas de metacrilato, que protexen tanto ás persoas usuarias como aos propios equipos fronte ás inclemencias. Tamén se actuou nos sectores laterais da escalinata para mellorar o acceso aos sete portais existentes. O investimento ascende a 1,1 millóns de euros, cofinanciados con fondos europeos Next Generation.
A intervención de Adelaida Muro súmase ás actuacións para salvar desniveis e favorecer a mobilidade peonil impulsadas polo Goberno local, como os ascensores dos Castros e de Pintor Villar Chao ou a reurbanización da rampla do Matadoiro, xa finalizada.