EMVSA asumirá a xestión de máis de 400 inmobles destinados a arrendamentos sociais
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu a sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, na que se rubricou a concesión de licenza para a construción dun novo aparcadoiro público en Visma e tamén a que habilitará ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) a construír un edificio de 50 vivendas públicas na parcela Z-37 do barrio de Xuxán.
Foron dous dos asuntos máis destacados na orde do día, na que tamén figuraba a posta en marcha do procedemento para que a Empresa Municipal de Vivenda, Servizos e Actividades (EMVSA) asuma a xestión do parque municipal de vivendas. A día de hoxe, son máis de 400 os inmobles do Concello destinados a arrendamentos sociais, bens patrimoniais aos que hai que sumar 26 locais, 76 prazas de garaxe e 63 rochos.
“Que apostemos por EMVSA para coordinar a xestión do parque municipal de vivendas ten a súa explicación: por exemplo, pola experiencia acumulada desde que o Concello lle encomendou o programa de xestión de vivendas en alugueiro para persoas en risco ou situación de vulnerabilidade. Entendemos, pois, que a EMVSA é unha ferramenta idónea para coordinar estratexicamente a xestión do parque inmobiliario do Concello, coa finalidade de adaptarnos ás necesidades de vivenda social que se detecten na cidade a medio e longo prazo”, explicou o voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage.
O traspaso da xestión do parque municipal de vivendas á EMVSA levarase a cabo de forma progresiva, nun prazo máximo de dous meses.