EMF Boiro e Atlético Coruña Montañeros coróanse campións da Copa Deputación da Coruña 2025

O campo da Marola, en Oleiros, acolleu unha xornada de fútbol vibrante coa celebración das finais da Copa Deputación da Coruña 2025, onde os equipos do EMF Boiro e o Atlético Coruña Montañeros fixéronse co título nas categorías feminina e masculina, respectivamente.
Na final feminina, o EMF Boiro impúxose con autoridade ao Victoria CF da Coruña cun contundente 4-1, mentres que na final masculina o Montañeros logrou a vitoria por 2-1 fronte ao SD Negreira, nun encontro disputado e cheo de intensidade.
Ao remate dos partidos, tivo lugar o acto de entrega de trofeos, que contou coa presenza do deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira; o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol para A Coruña, Juan Luis Villamisar; a deputada provincial María del Mar Méndez; o concelleiro de Deportes de Boiro, Marcos Fajardo; e a concelleira de Deportes de Oleiros, Teresa Vázquez Maseda. Eles foron os encargados de entregar os galardóns ás capitanas e capitáns dos equipos campións.
Os dous clubs vencedores, tanto en categoría masculina como feminina, aseguran así a súa participación na Supercopa Deputación, que se disputará este verán cos campións doutras copas provinciais de Lugo, Pontevedra e Ourense. O equipo que se proclame vencedor da Supercopa gañará o dereito a competir na fase previa da Copa do Rei de fútbol na próxima tempada.
A Copa Deputación da Coruña continúa a consolidarse como un dos torneos con máis tradición do panorama galego. Este ano, o certame reparte un total de 24.000 euros en premios: “5.000 euros e un trofeo para os campións, 4.000 euros para os subcampións e 1.500 euros para os semifinalistas”, segundo informou a organización.
Con estes resultados, EMF Boiro e Atlético Coruña Montañeros escriben unha nova páxina de éxito nos seus respectivos palmarés e preparan xa o asalto á Supercopa Deputación co obxectivo de dar o salto á Copa do Rei.