Emalcsa repara unha tubaxe principal en O Portádego e altera o tráfico na avenida Electo Carballo

ACoruñaXa
O Concello de Culleredo recomenda empregar vías alternativas mentres duren as obras na rede xeral de abastecemento de auga
CULLEREDO obras fonteculler
5 Aug 2025

O Concello de Culleredo informou do inicio das obras que Emalcsa está a executar na avenida Electo Carballo, na contorna de O Portádego, para reparar unha tubaxe principal da rede xeral de abastecemento de auga que dá servizo á cidade da Coruña e á súa área metropolitana. A intervención obrigou a abrir a vía á altura da intersección coa N-550, polo que o tráfico está regulado mediante semáforos provisionais.

As obras teñen como obxectivo solucionar unha fuga detectada nun tubo de 1.200 milímetros de diámetro, considerado esencial para o subministro de auga na comarca. O Concello recomenda aos condutores empregar rutas alternativas para evitar retencións na zona. Dende O Portádego cara Fonteculler pódense utilizar as rúas Xesús Rey Martínez e Amparo López Jean, mentres que desde Fonteculler cara A Coruña é preferible circular pola glorieta da Pasaxe.

A sinalización coas opcións alternativas está instalada nas dúas cabeceiras da avenida Electo Carballo para informar aos usuarios. O Concello destaca a importancia desta actuación para garantir un servizo básico como é o abastecemento de auga e agarda que os traballos rematen canto antes para minimizar as molestias á veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.16469311714172