Eleccións galegas 2024: a participación sobe máis de seis puntos e sitúase nun 49,13 %
Galicia vive este domingo as súas décimo segundas eleccións autonómicas. A partir das 9.00 da mañá permanecen abertos os colexios electorais. Son 2.300 repartidos por toda a comunidade galega. Tal e como revela o segundo avance de participación, xa votaron un 49,13 % dos galegos, concretamente 1.000.793 persoas.
Esta cifra supón un incremento do 6,17 % con respecto ao rexistrado no ano 2020, cando a estas mesmas horas 959.987 persoas, un 42,97% dos galegos, xa exerceran o seu dereito a voto. Este segundo avance sobre a participación rexistrada ata as 17.00 horas podería indicar que se trata dos comicios cun maior récord de participación das últimas celebradas.
Primeiros avances de participación
Segundo os primeiros avances, ás 12.00 horas participaran un 17,12 % da poboación, concretamente 379.624 persoas. Esta cifra supón un descenso do 2,37 % con respecto ao rexistrado no ano 2020, cando a estas mesmas horas 433.899 persoas, un 19,42 % dos galegos, xa exerceran o seu dereito a voto. Porén a participación é lixeiramente superior á rexistrada nos comicios do 2016, concretamente de dous puntos, pois segundo este primeiro avance a porcentaxe de persoas que se achegaran a súa mesa electoral era do 15,01 %.
Aínda que queda aínda moita xornada por diante, a participación nos comicios galegos mostrouse tradicionalmente como baixa, de feito nas últimas convocatorias apenas o 50 por cento da poboación con dereito a voto a exerceu este dereito. Concretamente achegouse ás mesas un 48,97 % da poboación, concretamente 1.320.955 de persoas, fronte ao 53,63 % e ao 1.448.962 de galegos que votaron nos comicios do 2016.