Elas Son Artistas trae a Betanzos a obra 'Boa sorte, mala fama' para visibilizar as historias da emigración galega

ACoruñaXa
O ciclo metropolitano pola igualdade nas artes retoma o teatro este sábado 14 de setembro ás 20.30 horas, con entrada libre na Sala Xulio Cuns
Imaxe da obra 'Boa sorte, mala fama'
13 sep 2024

A sétima edición do festival Elas Son Artistas continúa coa súa programación de setembro apostando polo teatro no Concello de Betanzos. Este sábado 14 de setembro, ás 20.30 horas, representarase a obra "Boa sorte, mala fama" de Tarabela Teatro, dirixida por Carmen Conde. A peza aborda as experiencias das mulleres galegas que emigraron, a través dunha traxicomedia en tres actos: "os tratos", "os maltratos" e "os retratos".

Con tres mulleres no escenario –Carmen Conde, Nastasia Zürcher e Mariña Pena–, a obra combina narración oral, música ao vivo e interpretación actoral para retratar a face máis descoñecida e incómoda da emigración galega. A entrada é libre ata completar aforo na Sala Xulio Cuns.

O ciclo prosegue o venres 27 de setembro en Culleredo coa comedia "Nabiza Girl", protagonizada por Isabel Risco, e culmina o 4 de outubro cun concerto da artista andaluza La Mare no Garufa Club da Coruña.

0.19055390357971