Elas Son Artistas celebrará na Coruña a súa novena edición con dez eventos e unha destacada presenza internacional

A Coruña acollerá nos próximos meses unha nova edición de Elas Son Artistas, o ciclo metropolitano de música e artes pola igualdade, que chega en 2026 á súa novena edición cun programa que incluirá, polo menos, dez eventos na cidade e a participación de trece mulleres artistas. A iniciativa, xa consolidada na área metropolitana, aposta un ano máis por visibilizar o talento feminino nas artes escénicas e culturais, combinando concertos, exposicións, obradoiros e outras actividades en distintos espazos da cidade.
Entre as principais novidades deste ano figura o relevo na dirección do ciclo. Silvia Penide asume agora a responsabilidade á fronte de Elas Son Artistas, substituíndo a Yolanda Villa, impulsora do proxecto en 2018, que pasa a ocupar o cargo de directora honorífica. O cambio chega despois dunha edición anterior na que máis de 3.500 persoas asistiron ás máis de vinte actividades programadas nos sete concellos participantes: A Coruña, Arteixo, Betanzos, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada.
Na cidade herculina, a programación desenvolverase en espazos como Garufa Club, Jazz Filloa, Mardi Gras, a praza de Azcárraga, a Casa Museo María Pita, a Casa Museo Casares Quiroga, o auditorio da Domus e o Teatro Colón. Precisamente neste último escenario foi presentado o ciclo este martes polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, que subliñou a importancia de seguir fomentando a presenza das mulleres como referentes das artes escénicas e lembrou o apoio prestado polo Goberno municipal a esta iniciativa ao longo dos últimos anos.
A apertura musical do ciclo na Coruña terá lugar este xoves 9 de abril na sala Mardi Gras, coa actuación de Georgina, encargada do concerto de presentación. A cita comezará ás 21.30 horas e durante a velada sortearanse entradas para algunhas das seguintes actividades do programa.
Outro dos pratos fortes chegará o 25 de maio en Garufa Club, coa actuación da norteamericana Scarlet Rivera, coñecida por interpretar o emblemático solo de violín de Hurricane, unha das cancións máis lembradas de Bob Dylan. Rivera participou ademais no disco Desire e na histórica xira Rolling Thunder Revue. Na súa visita á Coruña estará acompañada por Rob Stoner, baixista daquela etapa con Dylan e director artístico do disco Hard Rain.
O ciclo estenderase durante os meses seguintes ata o 29 de novembro, data na que o Teatro Colón acollerá o concerto de clausura a cargo da madrileña EDE, que chega cun novo traballo discográfico, Fieralinda, tras xirar durante dous anos con Xoel López. Antes desa cita final pasarán tamén pola cidade outras artistas internacionais e nacionais destacadas. Entre elas figura o trío neoiorquino Tchotchke, amante do son dos anos 60 e cun último disco producido por Lemon Twigs, que actuará o 27 de maio. Tamén está confirmada a presenza de Stacy Antonel, chegada desde San Diego, o 29 de xuño en Mardi Gras, e de Rosalie Cunningham, que ofrecerá concerto en Garufa Club o 8 de outubro.
A programación non se limitará á música en directo. O auditorio da Domus acollerá, en data aínda por confirmar, unha actividade especial protagonizada por Gosia Trebacz, que participa por segunda vez no ciclo. Ademais, contará tamén cun recital ilustrado de Blanca Trigo xunto a Octavia Russo.
Entre as novidades desta edición destaca tamén a proposta expositiva prevista para o mes de agosto na Casa Museo María Pita, que funcionará como unha extensión de Viñetas desde o Atlántico e terá como protagonista a obra da coruñesa Xulia Pisón. A programación completarase cunha actuación de música e pintura en directo na praza de Azcárraga e cun obradoiro gratuíto na Casa Museo Casares Quiroga.
Máis alá dos escenarios, Elas Son Artistas quere tamén poñer o foco nas creadoras anónimas ou menos visibles do día a día. Nesta edición seleccionaranse nove mulleres, unha por cada ano de vida do ciclo, para protagonizar pequenas reportaxes que reivindiquen o papel das mulleres artistas nas súas profesións cotiás, sexan cales sexan. Seis delas serán escollidas nos distintos concellos participantes e tres na Coruña.
Deste xeito, o ciclo reforza a súa vocación de ser non só unha programación cultural, senón tamén un espazo de recoñecemento, igualdade e visibilidade para as mulleres no ámbito artístico e creativo.