Elas e Eles solicita o amparo da Valedora do Pobo ante a expansión de plantas industriais de biogás

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
A asociación achega argumentos técnicos e xurídicos cos que sostén que a normativa vixente resulta insuficiente para as características do territorio galego
non-plantas-biogas-metano
6 Jan 2026

A Asociación de Gandeiras e Gandeiros Galegos Elas e Eles rexistrou unha queixa formal e unha petición de amparo ante a institución da Valedora do Pobo para reclamar a súa intervención urxente fronte ao que cualifican como unha “invasión descontrolada” de plantas industriais de biogás en Galicia. O colectivo esixe á Xunta a declaración dunha moratoria inmediata e denuncia unha situación de “indefensión total” da veciñanza rural.

Segundo expón a asociación, a Administración autonómica está a autorizar a importación masiva de residuos externos, como lodos de depuradora e subprodutos animais non destinados a consumo humano (SANDACH), para seren tratados e verteduras no rural galego sen garantías sanitarias suficientes nin un control efectivo dos olores. A entidade alerta de que esta práctica está a converter o territorio rural nun receptor de refugallos alleos á actividade agraria tradicional.

Desde Elas e Eles subliñan que non se opoñen ás enerxías renovables, pero si a un modelo industrial e especulativo que, ao seu xuízo, se afasta dos estándares europeos. Mentres noutros países as plantas de biogás se integran nas propias explotacións gandeiras para xestionar residuos propios, en Galicia estase a apostar por macroplantas centralizadas deseñadas para importar grandes volumes de residuos de alto impacto ambiental e social.

No escrito presentado ante a Valedora, a asociación achega argumentos técnicos e xurídicos cos que sostén que a normativa vixente resulta insuficiente para as características do territorio galego. Advirten de que a aplicación de distancias de seguridade pensadas para zonas de poboación concentrada resulta inadecuada nun país cunha poboación altamente dispersa. Ademais, alertan de que o clima galego, con vales pechados, frecuentes inversións térmicas e elevada humidade, favorece a acumulación de gases e cheiros, agravando os efectos sobre a saúde e a calidade de vida da veciñanza.

A denuncia vai máis alá do ámbito administrativo e invoca a doutrina do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, lembrando o caso López Ostra, para argumentar que a exposición constante a malos olores e gases como o amoníaco ou o sulfhídrico vulnera dereitos fundamentais recollidos na Constitución española. Entre eles, citan a inviolabilidade do domicilio, cando os cheiros impiden o desenvolvemento dunha vida normal no fogar, e o dereito á integridade física e moral, ao considerar que obrigar á poboación a convivir con refugallos supón un trato degradante.

Outro dos puntos centrais da queixa é o uso da figura dos Proxectos Industriais Estratéxicos, ao abeiro da Lei 9/2021 de simplificación administrativa. A asociación denuncia que esta ferramenta permite á Xunta pasar por riba dos plans urbanísticos municipais, reducir os prazos de alegacións e limitar a capacidade de decisión dos concellos e da veciñanza sobre o seu propio territorio.

Por todo isto, Elas e Eles solicita á Valedora do Pobo que recomende á Xunta de Galicia a declaración dunha moratoria inmediata na autorización de novas plantas industriais de biogás e nos plans de vertedura de dixestatos exóxenos. Así mesmo, reclaman a elaboración dunha Lei Galega de Contaminación Odorífera que estableza límites obxectivos de emisión e inmisión de cheiros, medidos en unidades de olor, para poñer fin á situación de inseguridade xurídica e á falta de protección das persoas afectadas.

Desde a asociación conclúen que o rural galego non pode converterse nunha “zona de sacrificio” para os residuos que ninguén quere, a cambio de producir gas para a industria, e reclaman respecto, saúde e o cumprimento estrito da legalidade.

⚙ Configurar cookies
0.082391023635864