‘Elas’, a muller galega de hai cen anos, protagoniza a nova exposición da Casa Museo María Pita

A Casa Museo María Pita abriu as portas da mostra Elas, da artista coruñesa Geni Ramil, unha homenaxe pictórica á muller galega do rural de hai un século. A exposición poderá visitarse de balde ata o vindeiro 29 de xullo.
O acto de inauguración contou coa presenza do concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, quen destacou o compromiso do executivo municipal co apoio ao talento artístico local: “Desde o Goberno de Inés Rey ofrecemos espazos ás creadoras coruñesas para que o seu arte chegue a toda a cidadanía a través dunha rede de espazos culturais municipais de primeiro nivel”.
Inspirada na obra da fotógrafa Ruth Matilda Anderson —quen, a comezos do século XX, retratou a vida e os costumes de Galicia por encargo da Hispanic Society of America—, Geni Ramil recrea na súa pintura a dura realidade das mulleres do rural: traballadoras incansables que faenaban no mar, sachaban a terra, criaban as fillas e comerciaban co gando, mentres os homes emigraban. Mulleres co rostro marcado polo sol, panos na cabeza, dobradas todo o día para recoller o que tocase. “É tempo de observalas, de pensalas. A vida da Galicia de entón é a vida das súas mulleres”, propón a artista.
Autodidacta cunha traxectoria de tres décadas, Ramil combina os estilos realista e impresionista, empregando a fotografía como ferramenta de precisión compositiva. O seu traballo abrangue dende a anatomía humana ata escenas cotiás, pasando pola arquitectura urbana e a natureza. A súa formación inclúe aprendizaxes con Monserrat Juárez, Victoriano Fernández e Quintana Martelo, e entre as súas referencias artísticas figuran nomes como Cézanne, Sorolla, Vermeer ou Antonio López.
A exposición Elas é unha oportunidade para mergullarse na memoria colectiva de Galicia a través da mirada e da pincelada dunha creadora comprometida coa visibilización das mulleres que sustentaron o país.