El útlimo de la Fila dará un concerto en Riazor en 2026

El Último de la Fila, un dos conxuntos de referencia do pop español, regresa aos
escenarios no ano 2026 cunha xira por estadios e farán parada na Coruña para actuación no municipal de Riazor. O seu concerto será o 13 de xuño do vindeiro ano e as entradas sairán á venda este 29 de maio.
“Desde o Goberno de Inés Rey continuamos apostando polos grandes eventos musicais como marca distintiva que nos converte na gran potencia cultural do noroeste”, indicou Gonzalo Castro. Manolo García e Quimi Portet confirmaron a volta aos escenarios de El Último de la Fila, un acontecemento que sen dúbida supón unha das noticias máis esperadas do panorama musical. Tras tres décadas de ausencia dunha das bandas máis influentes da historia do pop rock español, o seu regreso materializarase nunha xira que a partir da primavera de 2026 percorrerá diversas cidades e revivirá un repertorio que forma parte do patrimonio cultural de diversas xeracións.
Este será o primeiro evento musical no estadio desde que en 2022 se celebrara en Riazor a primeira edición na cidade do Morriña Festival, con dous xornadas nas que actuaron artistas da talla de Black Eyed Peas, Maluna ou Franz Ferdinand. “O noso obxectivo é que este recinto municipal compaxine a súa actividade deportiva coa musical e cultural, coa vista posta na futura reforma que acometeremos para o Mundial 2030”, indicou Castro.
Formado en 1985 en Barcelona sucedendo a Los Rápidos e Los Burros, El Último de la Fila irrompeu na escena musical co seu estilo único, fusionando influencias rock, pop e flamencas. Cunha traxectoria repleta de recoñecementos e múltiples discos de ouro e platino alcanzaron un éxito sen precedentes en España, Europa e Latinoamérica. Desde a súa separación oficial en 1998, tanto García como Portet desenvolveron frutíferas carreiras en solitario, pero o clamor xeral por unha reunión nunca cesou.