O alumnado de 6º de Primaria do CPI Cruz do Sar leva a cabo un proxecto de concienciación ambiental

O alumnado de 6º de Primaria do CPI Cruz do Sar presenta este venres, 16 de maio, no Concello de Bergondo o seu proxecto de concienciación ambiental Futuro Verde, que estiveron desenvolvendo ao longo de todo o curso. Trátase dunha actividade promovida pola asociación EDUCO e cofinanciada pola Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento.
O alumnado, que se reunirá coa alcaldesa, Alejandra Pérez Máquez, aproveitará tamén a visita para coñecer o funcionamento do Concello. Ademais, teñen previsto desprazarse á praia de Gandarío para realizar unha limpeza pública do areal e animan a participar a todas aquelas persoas interesadas.
O obxectivo de Futuro Verde é tentar concienciar sobre o desenvolvemento sostible do noso planeta, comezando pola realidade máis próxima (casa, escola, contorna). Para isto, os nenos e nenas participantes analizaron os erros que se estaban cometendo en canto ao consumo de enerxía e aos residuos que se xeran. A partir de aí, buscaron solucións e formaron as “Patrullas verdes” para tentar dar resposta a esta problemática ambiental. Para iso recibiron formación do CEIDA, de Mulleres Colleiteiras e do Consorcio As Mariñas.
Nunha carta dirixida á alcaldesa, o alumnado explica que se converteron en “axentes ambientais do centro co obxectivo de coidar a nosa contorna en canto ao aforro de enerxía e limpeza, achegando a nosa colaboración para que futuras xeracións de alumn@s poidan gozar deste lugar como nós o facemos agora”.
Encontro en Madrid
Os días 28, 29 e 30 de maio, o alumnado de 6º de Primaria que levou a cabo o proxecto Futuro Verde participará no I Encontro de Educación Transformadora para a Cidadanía Global e Aprendizaxe-Servizo, xunto con docentes e alumnado de catro comunidades autónomas (Andalucía, Cataluña, Galicia e Madrid).
Será un espazo de convivencia no Escorial no que se compartirán experiencias e reflexións sobre o que supuxo o proceso de Aprendizaxe-Servizo para o alumnado participante.