Educación e comunidade escolar estudan a ampliación do CEIP Vicente Otero ante o aumento de matrícula

O CEIP Vicente Otero afronta un novo escenario marcado polo aumento de alumnado e pola necesidade de ampliar as súas instalacións. Representantes do Concello de Carral, da dirección territorial de Educación e da comunidade educativa mantiveron un encontro no propio colexio para avaliar a situación actual e estudar posibles actuacións que permitan responder ao crecemento da demanda.
Na reunión participaron membros do goberno local, responsables do centro e representantes da ANPA, que puxeron sobre a mesa a evolución da matrícula e a chegada constante de novas solicitudes, mesmo unha vez iniciado o curso. Segundo se expuxo durante o encontro, as previsións apuntan a que o colexio podería converterse nun centro de tres liñas nun futuro próximo, unha circunstancia que obriga a planificar unha resposta estable.
Entre as alternativas analizadas, unha das opcións que gaña peso é a de aproveitar o espazo das antigas vivendas do profesorado. A proposta permitiría reorganizar servizos como o comedor e liberar zonas do edificio actual para habilitar máis aulas, sen renunciar a espazos comúns dentro do centro.
Durante a xuntanza tamén se abordou a necesidade de que a futura intervención sexa definitiva e non unha solución provisional. A intención é estudar as distintas posibilidades desde o punto de vista técnico e económico para atopar unha fórmula viable que se adapte ás necesidades do colexio e ao crecemento do municipio. Ademais, trasladouse a conveniencia de executar as obras, na medida do posible, durante os meses de verán para evitar interferencias no curso escolar.
A ANPA incidiu tamén en que a actuación debería servir non só para aumentar capacidade, senón tamén para mellorar e humanizar os espazos educativos. O encontro rematou co compromiso de celebrar unha nova reunión no mes de maio, na que se avanzará na definición da alternativa máis axeitada para dotar ao Vicente Otero dunhas instalacións acordes coa evolución da súa comunidade escolar.