Eduardo Soutullo gaña o XV Premio Andrés Gaos de composición musical
O compositor vigués Eduardo Soutullo é o gañador do XV Premio Andrés Gaos de composición musical da Deputación coa súa obra 'Avnios'. Así se anunciou este xoves á noite no Museo Domus da Coruña, tralo concerto de Arxis Esemble e o encontro do público co xurado e co comisario do certame e director artístico de Arxis Esemble, Hugo Gómez-Chao Porta, no que tamén participaron José Trigueros e Andrés Lacasa, director e xerente da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG).
O xurado estivo composto pola catedrática de música e investigadora, Rosa María Fernández García e pola compositora e compositores Raquel García, Jacobo Gaspar, Miguel Matamoro e Wladimir Rosinskij; presidido pola deputada de cultura, Natividade González e coa xefa da área, Mercedes Fernández Albalat como secretaria, escolleu como gañadora a obra de Eduardo Soutullo entre as 9 presentadas ao concurso de composición musical convocado pola Deputación. O gañador recibirá como premio 6.500 euros ademais da posibilidade, por parte da entidade provincial, da produción e estrea da obra.
'Avnios' foi a obra gañadora das tres finalistas, entre as que tamén se atopaban Lines e SYZYGY. O xurado destacou a súa consistencia na orquestación e o desplegue de recursos tímbricos. “A obra amosa un gran coñecemento dos diferentes instrumentos da orquesta, cun bo traballo armónico e luminosidade estética”.
Sesións de traballo coa Orquesta Sinfónica de Galicia e o xurado
Convén lembrar que a mediados do mes de xaneiro foron enviadas á OSG as partichelas das tres obras finalistas para o seu estudo e, durante os días 14 e 15 deste mes, tiveron lugar as sesións de traballo coa orquestra, os finalistas e o xurado no Pazo da Ópera da Coruña. Esta metodoloxía é, precisamente, un dos atractivos do certame para os compositores participantes, “porque non se limita á percepción dun premio; este formato facilita ás persoas finalistas a posibilidade de traballar cunha orquesta de gran nivel como a OSG e de escoitar as súas obras interpretadas pola orquesta; ademais permítelles dipoñer dunha gravación da obra e tamén ter unha interactuación co público e críticos que poden asistir aos ensaios” apuntou o comisario do premio, Hugo Gómez-Chao.
Nas edicións anteriores os gañadores foron Ramón Humet, Álvaro Núñez Carbullanca, Manuel Martínez Burgos, Eduardo Lorenzo Preito, Xavier Pagés i Corella e Javier Martínez Campos.