Dúas sesións para poñer o foco na saúde das mulleres dentro do programa do 8M

A programación do 8M en Bergondo suma este ano unha proposta pensada para levar a educación sanitaria ao día a día. Trátase das xornadas gratuítas 'Escuelas de Salud para la Mujer', un ciclo de dúas charlas que se celebrarán na Biblioteca de A Senra e que buscan achegar información práctica sobre problemas de saúde que afectan de maneira específica ás mulleres nas distintas etapas da vida.
As sesións estarán impartidas pola farmacéutica Alejandra Fontán Otero e combinarán explicacións con recursos audiovisuais e videoconsellos orientados a resolver dúbidas habituais e a mellorar a prevención. O contido afondará, entre outros aspectos, na saúde desde a perspectiva de xénero e sexo, na menopausa e nas diferenzas respecto aos homes, nos riscos cardiovasculares e nos síntomas máis frecuentes nas mulleres, así como na necesidade de derrubar mitos arredor da osteoporose. Tamén se abordará o impacto do dor crónico e, en particular, a migraña.
O calendario inclúe dúas citas ás 19.00 horas: a primeira será o 12 de marzo e a segunda, o 21 de abril. A iniciativa conta co respaldo do Consejo General de Colegios Farmacéuticos de España e coa colaboración do laboratorio Organon. Para máis información, o Concello facilita o teléfono 618 081 497.