Dúas fundacións coruñesas afondan na relación entre a menopausa e o TDAH nunha xornada o 31 de xaneiro

A Fundación María José Jove e a Fundación Ingada celebrarán o vindeiro 31 de xaneiro na Coruña a xornada 'Menopausa e TDAH: unha ollada desde a prevención', un encontro multidisciplinar que busca ofrecer unha visión global dos cambios físicos, cognitivos e emocionais que atravesan as mulleres nesta etapa, e da súa posible relación co Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH).
A iniciativa desenvolverase durante toda a mañá e pretende servir para aclarar conceptos, achegar recomendacións terapéuticas actualizadas e mellorar a calidade de vida, ademais de divulgar medidas de prevención de enfermidades. No programa inclúense cuestións como os tratamentos dende a xinecoloxía, a saúde da pel e das mucosas, as alteracións de memoria e das funcións executivas, a saúde osteomuscular, o exercicio físico, os cambios hormonais e a prevención do risco cardiovascular.
Entre as intervencións previstas figuran especialistas de Xinecoloxía, Dermatoloxía, Neuroloxía, Reumatoloxía, Endocrinoloxía, Medicina Familiar e Comunitaria, Ciencias da Actividade Física e Neuropsicoloxía, con contidos baseados na evidencia científica. Tamén se abordarán aspectos de autocuidado, saúde mental, hixiene do sono e coidados no ámbito familiar.
A xornada abrirase ás 09.00 horas cunha inauguración na que participarán o doutor Ángel Carracedo, presidente da Fundación Ingada, e Felipa Jove, presidenta da Fundación María José Jove. O acceso é gratuíto, pero o aforo é limitado e require inscrición previa. O prazo para anotarse permanece aberto ata este domingo 25 de xaneiro, ás 14.00 horas.