Dúas empresas optan á ampliación dos talleres de FP do IES de Curtis por máis de 1,4 millóns de euros

A Xunta de Galicia recibiu as ofertas de dúas empresas para executar a obra de ampliación dos talleres de Formación Profesional do Instituto de Curtis, unha actuación licitada por máis de 1,4 millóns de euros. Segundo informou a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, agora analizaranse as propostas para proceder á adxudicación e, posteriormente, iniciar a execución. As firmas interesadas son Constructora Consvial e Construcciones Ángel Jove.
O proxecto busca aumentar a capacidade dos espazos destinados á FP e, ao tempo, mellorar a eficiencia enerxética do conxunto. A intervención contempla a demolición da nave máis pequena dos talleres de mecánica, situada ao fondo da parcela, para levantar no seu lugar unha nova instalación de maior tamaño, de case 363 m², que permitirá unha distribución máis funcional e gañar altura.
A nova nave proxéctase cunha envolvente de dobre folla de ladrillo cerámico con illamento interior, completada cun sistema de illamento térmico polo exterior para reforzar a integración co resto das edificacións e incrementar o confort. As cubertas serán de panel metálico tipo sándwich e policarbonato celular.
O edificio levantarase anexo ao muro de contención das pistas deportivas e contará cun acceso mediante rampla na parte posterior, co obxectivo de aproveitar mellor o espazo e facilitar a circulación. No interior incluiranse dous aseos e vestiarios adaptados, cabina de lacado, almacén e zona de taller.
Ademais da ampliación, o plan inclúe a rehabilitación do outro taller de mecánica, situado xunto ao resto dos edificios do centro. Entre as melloras previstas figura a colocación de novas placas de falso teito con paneis tipo sándwich, a instalación de fiestras de aluminio no canto dos lucernarios actuais para gañar luz natural e a renovación exterior das carpinterías, xunto cun novo sistema de illamento térmico.
No edificio principal prevese substituír a iluminación convencional por 598 unidades LED para reducir consumo e axustar a intensidade ás necesidades de cada espazo, así como unha reconfiguración na terceira planta para crear unha nova aula de plástica. Tamén se cambiarán as caldeiras de gasóleo por outras de biomasa, que abastecerán o edificio principal, os talleres e o ximnasio mediante un sistema de calefacción centralizado.
A Consellería enmarca esta obra nas primeiras 16 actuacións previstas en centros educativos para este ano, cun investimento conxunto de máis de 16 millóns de euros. No balance anual, a Xunta estima destinar 73,6 millóns de euros a obras en instalacións educativas, un 4% máis. No caso do IES de Curtis, esta intervención súmase á rehabilitación integral realizada en 2023, na que se investiron preto de 1 millón de euros, elevando a máis de 2 millóns de euros o gasto destinado a mellorar o centro.