Dragaxe en primavera para recuperar o calado do porto de Miño e mellorar a seguridade

O porto de Miño afrontará na vindeira primavera obras de dragaxe para recuperar calado e mellorar a operatividade da dársena tras os meses de peor meteoroloxía. O anuncio realizouno a conselleira do Mar, Marta Villaverde, durante unha visita ao peirao na que estivo acompañada polo alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, e membros da corporación.
Segundo os datos avanzados, a actuación en Miño consistirá en dragar o interior da dársena ata a cota de -1 metro, nunha superficie de 8.000 metros cadrados, cun volume estimado de 15.000 metros cúbicos. O orzamento específico desta intervención ascende a 413.000 euros.
A Consellería do Mar enmarca esta obra nun contrato conxunto para os portos de Miño, Barallobre e Pontedeume, cun investimento global de 1,3 millóns de euros. A previsión oficial é que os traballos teñan un prazo de execución de 9 meses unha vez iniciados e que, no conxunto dos tres portos, se retiren preto de 38.000 metros cúbicos de áridos, empregando unha draga de culler para transportar o material ao punto de vertido autorizado en alta mar.
Desde o Concello de Miño agradeceron a actuación a Portos de Galicia e á Consellería, aínda que o alcalde advertiu de que a dragaxe é unha medida ‘transitoria’ e insistiu en que a solución de fondo pasa por unha remodelación máis ampla da dársena, apoiada en estudos técnicos especializados. Faraldo lembrou, ademais, que en 2005 xa se executou un dragado que acabou resultando insuficiente ao cabo de aproximadamente dous anos, ao volver acumularse area na zona.
O rexedor tamén puxo en valor a recente creación dunha asociación de persoas usuarias do porto, que ve como un interlocutor útil para canalizar demandas e contribuír a orientar futuras solucións.