Dous mozos do Club de Golf Paderne, convocados coa Selección Galega de Pitch & Putt

ACoruñaXa
Antón Pérez Medín e Hugo Carro Cortés, ambos de 19 anos, tamén foron chamados pola Selección Española para un torneo internacional fronte a Portugal
PADERNE golf anton y hugo
14 Oct 2025

O Club de Golf Paderne vive un momento doce coa chamada de dous dos seus canteiráns. Hugo Carro Cortés e Antón Pérez Medín, de 19 anos, entran na Selección Galega de Pitch & Putt despois de pechar o ránking autonómico en 2ª e 3ª posición, respectivamente. A regularidade amosada durante a tempada valeulles o billete para competir co combinado galego.

O equipo do que forman parte estará integrado por catro xogadores e disputará o Campionato de España de Federacións Autonómicas, unha das citas de referencia do calendario nacional, onde se medirán ás mellores seleccións doutros territorios.

O bo momento dos dous golfistas tamén tivo premio a nivel estatal. Unha vez concluído o ránking nacional, no que finalizaron en 3ª e 5ª praza, Hugo e Antón foron chamados pola Selección Española de Pitch & Putt.

Co combinado estatal, ambos tomarán parte nun torneo internacional fronte a Portugal, unha oportunidade para continuar medrando en competición e para exhibir o nivel do golf de Paderne. O club trasladoulles os parabéns e recoñeceu o labor do seu equipo técnico e familias polo apoio continuo.

⚙ Configurar cookies
0.078556060791016