Dous exemplares da especie de tiburón musola pinta únense ao Aquarium Finisterrae

ACoruñaXa
No marco dun programa europeo de conservación e cría en catividade promovido pola Asociación Europea de Zoos e Acuarios
Aquarium Finisterrae Coruña
20 May 2025

O Concello da Coruña incorpora dous exemplares de musola pinta (Mustelus asterias) ao tanque Nautilus do Aquarium Finisterrae, no marco dun programa europeo de conservación e cría en catividade promovido pola Asociación Europea de Zoos e Acuarios (EAZA).

Esta actuación forma parte do proxecto European StudBook (ESB), coordinado desde o museo Ozeaneum Stralsund (Alemaña), que recompila e analiza datos sobre especies para garantir poboacións sostibles en catividade. O acuario municipal coruñés participa activamente nesta iniciativa que contribúe á preservación da biodiversidade mariña.

En xaneiro de 2025 chegaron ao Aquarium tres exemplares desta especie: dúas femias, nacidas en 2022 e 2024, e un macho de 2024. Tras un período de aclimatación nos tanques de corentena, dous deles foron trasladados recentemente ao tanque da sala Nautilus, onde agora comparten hábitat con especies emblemáticas como o tiburón touro Gastón.

A musola pinta é unha especie de tiburón que habita en augas do Atlántico noroccidental e do Mediterráneo. Pode alcanzar os 140 centímetros de lonxitude e é recoñecible polas súas manchas brancas sobre o dorso gris azulado ou terroso. A Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN) cataloga esta especie como “case ameazada” no Atlántico, subliñando a importancia de programas de conservación como este.

A participación do Concello da Coruña neste proxecto representa un novo paso no compromiso do Goberno de Inés Rey coas políticas ambientais sólidas e sostibles. A través da rede de museos científicos municipais, o Concello continúa promovendo accións que combinan conservación, investigación e divulgación, reforzando o papel da cidade como referente na defensa da biodiversidade.

Entre outras melloras recentes, o Aquarium Finisterrae tamén puxo en marcha un sanatorio de focas, consolidando así o seu papel como espazo de referencia para a conservación mariña.

⚙ Configurar cookies
0.20412993431091