Dous equipos de ASPACE Coruña competirán na final do concurso 'En ASPACE cociñamos xuntos'
ASPACE Coruña acolleu onte a segunda semifinal do VII Concurso de Cociña “En ASPACE cociñamos xuntos”, un certame gastronómico organizado por Federación ASPACE Galicia, que agrupa ás entidades de parálise cerebral da comunidade.
En total, 6 grupos formados por unha ou dúas persoas con parálise cerebral de ASPACE Coruña acompañados dun familiar ou un profesional da asociación prepararon as súas receitas centrándose nunha receita elaborada con tenreira galega.
O grupo formado por Samuel Botana, Ismael Ferreiro e Mayte Pérez, do Centro Educativo, coa súa receita en formato tradicional 'Bao Boom de muuu…', e o equipo de Chon Rouco e Rubén Gómez, de Centro de Día, coa súa receita texturizada 'Hamburguesa mariñeira' pasan á gran final. O xurado estivo formado por Juan Crujeiras, propietario do restaurante Bido e membro do Grupo Nove, e Javier Rodríguez Ponche 'Taky', tres veces campión de cociñeiros de Galicia e membro do Grupo Nove.
O xurado tiña que valorar, non só a preparación, presentación e sabor dos pratos, senón tamén a implicación e participación das persoas con parálise cerebral na elaboración da receita, as adaptacións realizadas nos utensilios de cociña ou nas receitas de cociña, ou a descrición da elaboración en pictogramas e lectura fácil.
Os gañadores da semifinal foron obsequiados cun lote de produtos gourmet por cortesía dalgunhas das empresas colaboradoras. A seguinte semifinal será en Vigo o 25 de abril. Os gañadores de cada unha das tres semifinais competirán na gran final no mes de maio.