Dous científicos da UDC exploran fósiles de crocodilos en Australia e estudan restos únicos en Galicia

A Universidade da Coruña continúa reforzando a súa presenza internacional no eido da Paleontoloxía a través do traballo de Blanca Moncunill-Solé e Alejandro Blanco, membros do grupo BIOpast e adscritos ao Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC). Ambos investigadores están a desenvolver un labor pioneiro na dixitalización de fósiles e na creación de modelos tridimensionais, unha técnica cada vez máis demandada no ámbito científico e museístico.
O pasado mes de xuño, Moncunill-Solé e Blanco viaxaron ao estado australiano de Queensland para analizar máis de 300 ósos nas coleccións do Queensland Museum. Alí traballaron con especies extintas como Isisfordia e Australosuchus, e tamén con crocodilos actuais como Crocodylus porosus e C. johnstoni. A dixitalización realizouse cun escáner de luz estruturada, capaz de capturar a superficie dos ósos con gran precisión. Os modelos obtidos, explican, “son moi versátiles: poden empregarse en actividades de musealización e divulgación científica, pero tamén como base para novas investigacións”.
Durante a súa estadía en Australia tamén participaron no 7º Simposio Internacional en Paleohistoloxía (ISPH), celebrado en Brisbane. Moncunill-Solé foi unha das conferenciantes plenarias, presentando os seus avances sobre tecidos fósiles de lagomorfos extintos, mentres que Alejandro Blanco centrou a súa intervención na paleohistoloxía de dinosauros.
Ambos investigadores, que contan cun contrato Ramón y Cajal do Ministerio de Ciencia, comparten ademais unha liña de traballo centrada no rexistro fósil do Oligoceno-Mioceno en Galicia. En colaboración co Concello das Pontes, restauraron recentemente unha colección de máis de 60 restos atopados na antiga mina da localidade. Estes fósiles, con arredor de 30 millóns de anos de antigüidade, inclúen crocodilos, parentes extintos de hipopótamos e plantas tropicais. “Os resultados preliminares indican que os restos de macrovertebrados desta época son practicamente descoñecidos na Península Ibérica e moi escasos en Europa”, sinalan, polo que o seu estudo podería ter un impacto científico moi relevante.
Ademais, desde mediados de xuño, o equipo ampliou a súa actividade coa incorporación de Haodan Luo, coñecida como Linda, estudante de Xeoloxía no Carleton College de Minnesota. A través dun convenio entre a UDC e Linguistic Horizons, Linda realiza prácticas preprofesionais no CITEEC ata finais de agosto, contribuíndo á investigación paleontolóxica desenvolvida en Galicia.