Dotarase de iluminación pública a estrada da Besta entre Mera e a Vía Ártabra

O Concello de Oleiros continúa mellorando as infraestruturas municipais coa próxima instalación de iluminación pública na estrada da Besta, que conecta o centro de Mera coa Vía Ártabra. A actuación, xa contratada por un importe de 80.505 euros, comezará nas próximas semanas e busca reforzar a seguridade viaria e mellorar a calidade do espazo público.
Esta vía foi ampliada no ano 2022 grazas á xestión do alcalde Ángel García Seoane ante a Deputación da Coruña, nunha intervención que supuxo un avance clave na mobilidade da zona, facilitando o tránsito rodado e incrementando a seguridade tanto para vehículos como para peóns.
Agora, con esta nova actuación, o Goberno local dá un paso máis na súa aposta por infraestruturas modernas, eficientes e seguras. A instalación da nova rede de alumeado permitirá unha mellor visibilidade durante as horas nocturnas, reducindo riscos e facendo máis cómoda a circulación, especialmente nos tramos con maior tránsito veciñal.
O executivo municipal reafirma así o seu compromiso coa mellora continua das comunicacións dentro do termo municipal, especialmente en zonas estratéxicas como Mera, cuxo crecemento urbanístico e poboacional require investimentos constantes en servizos e equipamentos.