Docentes péchanse no CEIP Concepción Arenal da Coruña para reclamar melloras no ensino público

ACoruñaXa
A CIG-Ensino e o STEG impulsan un peche con participación de familias e alumnado para reducir ratios e reforzar a atención á diversidade e impulsan unha concentración á entrada do centro para o 28 de xaneiro
A CORUÑA coles folga
28 Jan 2026

Un grupo de docentes iniciou un peche reivindicativo no CEIP Concepción Arenal co obxectivo de reclamar melloras no ensino público e nas condicións de traballo do profesorado. A acción, promovida pola CIG-Ensino e o STEG, inclúe tamén a presenza de familias e alumnado e prevé manterse durante a noite para realizar mañá un acto informativo coincidindo coa entrada ao centro e o inicio das clases.

As protestas do profesorado comezaron xa no primeiro trimestre do curso, con mobilizacións que levaron á convocatoria de 5 días de folga, marchas fúnebres, manifestacións e o enterro simbólico do ensino público, así como seis peches en varios centros, que contaron cun gran respaldo por parte do persoal. O propósito é visibilizar as demandas e reclamar a apertura dunha negociación para introducir cambios que, ao seu xuízo, melloren a calidade educativa.

Entre as reivindicacións compartidas por profesorado, familias e alumnado figuran a redución de ratios, a mellora da atención á diversidade coa dotación de máis persoal e medios, o incremento da oferta pública de optativas na ESO e Bacharelato, de ciclos de FP e de ensinanzas de réxime especial, ademais dunha humanización do ensino que reduza a carga burocrática e dun menor horario lectivo para favorecer unha mellor atención no día a día das aulas.

A secretaria comarcal da CIG-Ensino, Laura Arroxo, presente no peche da Coruña, explicou que a intención é sumar a toda a comunidade educativa e poñer o foco nas carencias dos centros: ‘cando falamos de que non hai profesorado de Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe ou persoal orientador suficiente, estamos evidenciando unha gran carencia no sistema’. Arroxo advertiu tamén de que a falta de recursos e de desdobres prexudica especialmente o alumnado máis vulnerábel e dificulta garantir a igualdade de oportunidades.

No marco do peche estanse a desenvolver actividades como asembleas abertas, debates sobre a folla de ruta, elaboración de material reivindicativo e posta en común con representación das familias e do alumnado. As entidades convocantes indican que a medida conta co apoio da Confederación Anpas Galegas e do sindicato estudantil Erguer.

Esta mobilización non se limita á Coruña: ao mesmo tempo iniciáronse peches noutros centros de Vigo, Pontevedra e Monforte, dentro dun calendario máis amplo de accións previstas para as vindeiras dúas semanas, co obxectivo de estender as protestas polo conxunto de Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.087625026702881