Docentes do IES Afonso X O Sabio de Cambre realizan unha estancia formativa en Roma

As profesoras Lucía Mosquera e Patricia Varela, docentes do IES Afonso X O Sabio de Cambre, participan esta semana nunha estancia formativa no IIS Gaetanos De Sanctis de Roma, enmarcada dentro do proxecto europeo Erasmus+ que se está a desenvolver no seu centro de ensino.
A visita, que se estenderá desde este luns 7 de abril ata o venres 11, permitirá ás docentes galegas observar diferentes prácticas pedagóxicas no ensino da lingua e literatura española, así como afondar noutras metodoloxías innovadoras empregadas no contexto educativo italiano.
Esta experiencia supón unha nova oportunidade de intercambio e aprendizaxe dentro do marco Erasmus+, favorecendo a actualización docente e o enriquecemento mutuo entre centros europeos. O IES Afonso X O Sabio continúa así coa súa aposta por unha educación aberta ao mundo, promovendo a formación continua do profesorado e o contacto directo con outras realidades educativas.