Dobre ouro para Ximnasia Oleiros no Galego de Conxuntos en Vigo

ACoruñaXa
Infantil e sénior proclamáronse campioas de Galicia no pavillón das Travesas
OLEIROS ximnastas campeoas galegas
10 Nov 2025

O equipo Ximnasia Oleiros Rítmica e Estética pechou con nota o Campionato Galego de Conxuntos disputado no pavillón das Travesas, en Vigo, ao coroarse campioa nas categorías infantil e sénior. A cita, organizada pola Federación Galega de Ximnasia, encheu a bancada de público e serviu para confirmar o gran momento do club oleirense.

No cadro sénior, Ximnasia Oleiros impúxose na clasificación xeral por diante do Club Ximnasia Porriño e de Maniotas, completando un podio de alto nivel (total 43.450 puntos). Na categoría infantil, o equipo de Oleiros liderou tamén a táboa e asinou o dobrete autonómico.

Segundo trasladou o club, a Federación fixo un oco na programación para que o seu equipo sénior de Ximnasia Estética de Grupo ofrecese unha exhibición antes da viaxe a Bulgaria, onde participarán na Academic Cup o 26 e 27 de novembro e nos Mundiais de AGG en Samokov o 27 a 30 de novembro.

Desde a entidade agradeceron o labor do equipo técnico, o apoio das familias e o bo trato recibido durante a xornada por parte do Club Maniotas, anfitrión na cidade olívica. Un triunfo con sabor especial para Oleiros, que mantén a ilusión posta nos retos internacionais das vindeiras semanas.

⚙ Configurar cookies
0.072489023208618